26 DE MAIO DE 2018

O vó directo Vigo-Bolonia ofrece unha excelente oportunidade de achegarse ao norte de Italia, un país ao que non nos cansamos de volver. Unha escapada de tres días permitíunos coñecer parte da rexión de Emilia-Romagna, que non sufre as molestias do turismo de masas que hai noutros lugares deste país.
Desde Bolonia desprazámonos cómodamente en tren ata Parma, Módena e Rávena, que contan con edificios relixiosos de grande interese histórico e artístico, e foinos posible visitalas con calma nos tres días cos que contabamos. As catro cidades son bonitas e tranquilas, teñen os seus cascos históricos peatonalizados e o uso da bicicleta como medio de transporte está xeneralizado entre os seus habitantes, ofrecendo unha imaxe moi diferente á que vimos recentemente en Roma e Nápoles.
Parma e Módena son mundialmente coñecidas polas súas especialidades culinarias, o queixo e o vinagre balsámico. Pero tamén merecen a pena polas súas catedrais románicas, que teñen unha sorprendente e rica decoración interior.
A catedral de Parma, construída hai 900 anos, ten os seus muros, bóvedas e cúpulas profusamente decoradas con frescos renacentistas e barrocos, que contrastan coa evidente arquitectura románica. As igrexas deste estilo soen ter na actualidade a pedra desnuda, sen a decoración cromática coa que contaban orixinariamente, e resulta chocante ver tanto colorido adornando un edificio románico. A isto súmase que frescos e edificio son de estilos moi diferentes, o que acentúa o caracter extraordinario desta catedral.

Fósiles de ammonites no chan de mármore da catedral de Parma
Descendemento da cruz do século XII

Na mesma praza e á beira da catedral atópase o baptisterio, un gran edificio octogonal do século XIII que conserva a decoración pictórica e escultórica orixinal. Esta configuración de edificio bautismal separado da catedral é moi frecuente en Italia, estando algúns deles entre as obras maestras da arte relixiosa.

Pasamos a tarde paseando pola animada cidade de Módena, que tamén ten unha catedral románica de mármore de cores brancos e rosados. O interior é moi sobrio pero o púlpito ten un conxunto de baixorrelevos con figuras un tanto surrealistas.

Pedro negando a Cristo

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *