No ano 402, co imperio romano occidental en decadencia, a capital trasládase de Roma a Rávena por motivos defensivos. Situada no mar Adriático, ao norte da costa oriental italiana, a cidade contaba cun importante porto militar e comercial e estaba rodeada de zonas pantanosas, polo que alí era máis fácil defenderse dos frecuentes ataques dos pobos bárbaros. Esta estratexia non serviu de moito, pois no ano 476 o bárbaro Odoacro vence ao último emperador e convírtese en rei de Italia.
Posteriormente, o ostrogodo Teodorico vence a Odoacro e e gobernará desde Ravena gran parte do occidente europeo. Seguidores do cristianismo arriano (non consideraban que Cristo fora Deus), os ostrogodos acabaron enfrentados ás autoridades imperiais de oriente, que profesaban o cristianismo ortodoxo. No ano 540 Justiniano I, emperador de Oriente, conquistou Rávena recuperando así o control imperial de toda a península italiana. Durante os dous séculos posteriores a cidade alcanzou grande prosperidade baixo mando bizantino.
Daqueles primeiros tempos do cristiansimo consérvanse 8 monumentos declarados patrimonio da humanidade, que visitamos con calma durante o día que botamos na cidade.
O máis destacado é a colección de mosaicos paleocristiáns que adornan o interior de igrexas e baptisterios. En todos eles relatan feitos da Biblia e ideas relixiosas do momento, que nalgúns casos eran motivo de debate entre as diferentes correntes por cuestións tan nimias que deron lugar á expresión “discusión bizantina”. Tamén se presentan gobernantes e persoas importantes da época.
Baptisterio dos Arrianos
Construído en tempos de Teodorico no século VI, é curiosa a iconografía na que aparece Cristo desnudo e imberbe recibindo o bautismo no río Xordán.
Basílica de San Vitale
Edificada por Justiniano no inicio da dominación bizantina, é un edificio de planta octogonal con un interior moi elegante que queda eclipsado polos fantásticos mosaicos que recubren o ábside principal. Ademais de esceas relixiosas, aparecen representados o emperador Justiniano e a emperatriz Teodora xunto cos seus respectivos séquitos, retratados con moito detalle nos rostros e vestimentas.
Mausoleo de Gala Placidia
Pequeno edificio totalmente cuberto de mosaicos cunhas ventás de alabastro integradas na composición da escea.
San Lorenzo marcha despreocupadamente cara a parrilla na que será martirizado |
Baptisterio dos Ortodoxos
Semellante ao baptisterio arriano nos motivos da decoración, era usado pola comunidade ortodoxa nos seus ritos de bautismo.
Capela Arzobispal
Lugar de oración privado do arzobispo, está actualmente dentro dun museo e non se poden sacar fotos.
Baíslica de San Apolinar Novo
Está situada á beira do palacio de Teodorico, que aparece representado nun dos mosaicos. Tamén aparece unha escea da adoración dos reis magos (na que, por certo, Baltasar non é negro). O exterior do edificio, ao igual que os anteriores, é de ladrillo, sen ningún ornamento, e non dan ningunha pista das maravillas que acollen no interior.
Mausoleo de Teodorico
É o único edificio que carece de mosaicos e o seu estilo é totalmente diferente, construído en pedra caliza cunha cúpula tallada nunha sóa peza de mais de 300 toneladas.
Basílica de San Apolinar in Classe