16, 17 E 18 DE AGOSTO DE 2018

O avión que nos levou de Bucarest a Moscú aterrou con retraso debido á tormenta que caía sobre a cidade. Pouco despois, cando saímos do metro, chovía tanto que a auga cubría as rúas e non víamos a maneira de chegar sen enchouparnos nós e a equipaxe ao hotel que estaba a uns centos de metros. Ata que decidimos abrir as maletas, vestir a roupa impermeable de montaña e afrontar o diluvio. Así nos recibiu esta cidade, que logo nos concedeu tres días sen precipitacións para unha estancia máis agradable.
A grandeza de Moscú é froito das dúas etapas históricas que a marcaron, a dos zares e a soviética. Gran parte dos edificios e monumentos da época dos zares mantivéronse case intactos na época soviética, e na actualidade as construccións e símbolos comunistas son respetados e coidados.
Un exemplo desta convivencia é a Praza Vermella, lugar de exhibición do poder militar soviético pero delimitada por catro construccións do período dos zares. O nome non se debe aos edificios vermellos do perímetro nin á súa vinculación coa cor comunista, senón a que a denominación antiga en ruso era Krásivaya plóshchaď (Praza bonita), expresión que derivou á semellante Krásnaya plóshchaď (Praza vermella).

Praza Revolyutsii, un dos accesos á Praza Vermella
Praza Revolyutsii, un dos accesos á Praza Vermella

O máis singular desta praza e símbolo de Rusia son as coloridas cúpulas da catedral de San Basilio. Construida no século XVI polo zar Iván o Terrible, o seu interior é un tanto laberíntico e non conta cunha nave principal, senón cunha capela situada baixo cada unha das dez torres. O exterior foi gañando en colorido coas reparacións feitas ao longo do tempo, e o aspecto actual data do século XIX.

Muralla do Kremlin e Catedral de San Basilio vistas desde o Parque Zaryadye

Outros elementos icónicos da praza son a muralla e as torres do Kremlin, o mausoleo de Lenin e as tumbas de personalidades ilustres da URSS, situadas ao pé do muro. Centenares de persoas esperaban nunha longa cola para ver o corpo embalsamado de Lenin.

Mausoleo de Lenin ao pé da muralla do Kremlin

A palabra kremlin en ruso significa cidadela amurallada, e moitas cidades rusas contan cun kremlin que protexe a catedral, os palacios de goberno e outros edificios importantes. Durante o século XX o Kremlin de Moscú foi sinónimo de máximo órgano de goberno da Unión Soviética, pero en realidade trátase dunha construcción moi antiga, pois xa había aquí un forte no século XII e a muralla actual data do século XV.

As torres do Kremlin rodean ao palacio e a catedral
Torres do Kremlin

O inmenso recinto interior acolle varios palacios e catedrais da época dos zares. En 1961 fíxose un edificio para celebrar os congresos do Partido Comunista, para o que foi demolido un antigo mosteiro. Isto causou certo barullo no seu momento porque a lexislación soviética xa protexía o patrimonio histórico.

Tres das catedrais do Kremlin
A campá máis grande do mundo

De todos os museos de Moscú, nos só fumos ver o Museo da Cosmonáutica, que mediante maquetas, réplicas a tamaño real e pezas orixinais relata os éxitos da historia espacial soviética.

Cápsula Soyuz carbonizada tras a reentrada na atmosfera
Interior da cápsula Soyuz

Á súa beira está o enorme complexo de pavillóns da Exposición dos Logros da Economía Nacional, unha especie de recinto feiral concebido para celebrar os éxitos económicos, tecnolóxicos e científicos da Unión Soviética. Hoxe os moscovitas úsano como lugar de paseo e os numerosos pavillóns estanse restaurando con coidado.

Tamén son da época soviética os altos bloques de oficinas e aloxamento que se ven recortados contra o horizonte. Popularmente coñécense como as Sete Irmáns de Stalin, pois son 7 rañaceos de estética parecida levantados nos anos 40.

Universidade de Moscú

Para desprazarnos pola enorme cidade usamos o metro, que ademais de ser tan práctico como en calquera grande urbe, aquí merece unha atención especial. Empezou a facerse nos anos 30 baixo o mandato de Stalin cunha intención evidentemente práctica pero tamén propagandística, superando en prestacións ás redes metropolitanas do mundo capitalista. Cada estación ten un deseño arquitectónico propio e a súa decoración de temática obreira e socialista é diferente, facendo uso de elementos que previamente só se usaban en pazos e edificios nobles. Lámparas, mosaicos, pinturas, esculturas de pedra e bronce, vidrieiras, mármores e molduras de escaiola, déronlle ao metro o sobrenome de “Pazo do Pobo”.

Intencionadamente as liñas e estacións excaváronse a moita profundidade para ser usadas como refuxio en caso de guerra. Nalgunhas estacións posteriores á II Guerra Mundial aínda se poden ver as grosas portas metálicas que as selarían en caso de ataque nuclear.
Moscú pareceunos unha cidade cómoda, limpa e ben coidada, e con prezos asequibles. Cos seus teatros, elegantes rúas peatonais, igrexas ortodoxas, mercados, museos, parques e patrimonio industrial, a cidade ten atractivos abondo para unha estancia máis longa. A pesar de que non tiñamos unhas expectativas moi altas, Moscú encantounos e quedamos con gañas de repetir, quizáis en época invernal.

Unha das moitas rúas peatonais
Esta igrexa demolida por Stalin foi reconstruida no século XXI
Cúpulas características das igrexas ortodoxas de Rusia

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *