Tras superar varios miles de baches, socavóns e curvas de 180 graos, chegamos a Maramures, a rexión mais rural de Rumanía onde aínda perviven modos de vida extinguidos na maioría de Europa. Segar a herba a man e secala en palleiros, moverse en carros tirados por cabalos, ir o domingo a misa co traxe tradicional … Nas casas nas que nos aloxamos aínda tiñan unhas poucas vacas e ofrecíannos leite recén ordeñado.
Tamén aquí a arquitectura relixiosa cobra protagonismo. Multitude de igrexas de madeira (biserica de lemn en rumano) sobreviven nas aldeas desta rexión, das cales 8 foron incluídas na lista de Patrimonio da Humanidade. Foron construidas durante os séculos XVII e XVIII a consecuencia da prohibición de levantar igrexas ortodoxas de pedra que os gobernantes húngaros católicos impuxeron aos rumanos. As paredes do seu interior están cubertas con pinturas bíblicas debuxadas sen grandes alardes artísticos. O aspecto exterior aseméllase ás igrexas de madeira que vimos en Noruega, pero as nórdicas son cinco séculos mais vellas.
A imaxe da morte agarda na entrada da igrexa |
A construcción en madeira é parte esencial da cultura popular desta rexión, e segue estando presente nas novas construccións que ademais tentan manter un aspecto tradicional. É un símbolo de estatus social adornar a entrada da casa cun enorme portal de madeira moi ornamentado.
Día de feira no pobo |
Mosteiro de Barsana, de recente construcción |
Pero o elemento patrimonial mais insólito desta rexión é o Cemiterio Alegre de Sapanta, no que as tumbas están adornadas con cruces de madeira nas que aparecen debuxadas esceas repesentativas da vida ou da morte da persoa, con longos epitafios que, lamentablemente, non puidemos entender. Aínda que recibe moitos visitantes atraídos pola súa singularidade, segue a ser o cemiterio do pobo e a tradición destas tumbas alegres continúa viva.