Romanía acolle a maior parte dos montes Cárpatos, que cruzan o país formando un arco de montañas de altura media e constitúen a fronteira natural que separa Transilvania, Valaquia e Moldavia. Densos bosques de faias, píceas e abetos cubren a maior parte da cordilleira, que alberga a mais grande masa boscosa ininterrumpida de Europa e na que están representadas un tercio das especies vexetais do continente. Unha parte importante destes bosques son virxes – nunca foron explotados ou talados – e neles viven as maiores pobacións europeas de osos, lobos e linces.
Para desfrutar desta marabilla hai que patear, pero a a escaseza de información sobre os camiños e un verán chuvioso fan que a tarefa nos estea resultando complicada.
Cancelamos a primeira excursión que tiñamos prevista – aos montes Bucegi – porque había unha alerta amarela por chuvia e tormentas, que ao final non se presentaron. Ao día seguinte fixemos unha ruta no parque nacional de Piatra Craiului, ascendendo a ritmo tranquilo polo interior duns bosques de grandes e esbeltas árbores. Chegando ao noso destino en Cabana Curmătura os prados abrironse paso entre a espesura de faias e píceas.
O seguinte día retomamos a idea de andar polos montes Bucegi que supenderamos pola alerta de treboadas. Subimos en teleférico ata a cota de 2200 metros e camiñamos por una meseta desprovista de vexetación, pero nos acompañaron a chuvia e a néboa durante gran parte do traxecto. Só puidemos disfrutar da paisaxe durante os escasos claros que se abriron entre a néboa.
Na década dos 60, baixo a dictadura comunista, instalouse o teleférico e creouse unha extensa rede de sendeiros nestes páramos, o que fixo posible o acceso a grandes masas de turistas. Isto produciu un importante problema de erosión na zona aínda non resolto.
Unha actividade moi popular entre os visitantes é camiñar ata unha inmensa cruz erixida ao borde dun precipicio en 1928 en honor ás víctimas da I Guerra Mundial.