A temperatura na superficie ronda os 30 graos e resulta difícil pensar en poñer roupa de abrigo. Pero sabemos que no interior nos espera un ambiente enrarecido a 10 graos, polo que levamos na mochila algunhas prendas adecuadas. Tras acceder por un longo corredor ás primeiras estancias, comezan as preguntas ¿Estas paredes son todas de sal? ¿Pero é sal-sal (cloruro sódico) ou hai outras sustancias como sales magnésicas ou potásicas?
Logo de chegar ao primeiro mirador, aparece o coloso ante nós: unha enorme cavidade subterránea, claramente artifical pola súa perfecta forma de campá. Estamos nunha abertura cerca do cumio, e ao lonxe, no fondo, distínguense estranas estructuras con luces e unhas barcas no que parece ser unha lagoa. É a Mina Therezia, con 112 m de altura, explotada ata 1880, e no lago formado no fondo de forma natural hai un embarcadeiro de aspecto futurista. Nas paredes apreciase o veteado bicolor dos estratos deformados polas dinámicas xeolóxicas.
Os depósitos salinos de Turda teñen 13 millóns de anos e formáronse ao quedar illada unha cunca hidrográfica. Alcanzan centenares de metros de espesor, e neste punto están formados por halita, un mineral composto por sal común cunha pureza do 99%. A sal de Turda explotouse desde o século XI ata 1932, e en 2010 abríronse novas instalacións para o turismo, aproveitando dous dos catro grandes pozos que formaban a mina para meter dentro un balneario e un parque de xogos. Causa sorpresa e impresión pasear por estas grandes cavidades decoradas cunha estética de ciencia ficción.
Deixamos Turda atrás para visitar outra rareza baixo terra, a cova Scarisoara, que acolle un dos poucos glaciares subterráneos que quedan en Europa. Unhas empinadas escaleiras descenden por unha oquedade do terreo ata a boca da cova. Tamén descende bastante a temperatura, así que abrigámonos como na cova de sal. Logo fixemos un corto percorrido por unhas pasarelas de madeira que repousan sobre unha gran masa de xeo. A zona habilitada para o turismo é pequena e chega ata unha zona onde hai estalactitas e estalagmitas de xeo.