16 DE ABRIL DE 2019
Diocleciano foi un emperador romano dos séculos III e IV que pasou á historia por dividir por primeira vez o imperio e pola feroz persecución do cristianismo. Foi o primeiro en abdicar do cargo de forma voluntaria, e para o seu retiro decidiu voltar á súa Dalmacia natal e construir un enorme palacio no que hoxe é a cidade de Split. O palacio era como unha cidade fortificada, co seu perímetro rectangular rodeado de altas murallas e un interior dividido como unha típica cidade romana: dúas rúas principais perpendiculares unían as catro portas que tiña a muralla.
|
Porta norte |
|
Porta este |
|
Porta oeste |
Algúns séculos despois, cando toda a estructura militar e política do imperio xa desaparecera, a poboación local ocupou o palacio e aproveitaron os muros existentes para facer as súas casas, edificando unha cidade medieval sen destruir os edificios romanos. Todavía hoxe vive xente en casas con arcos e columnas romanas, e todo o palacio é un fervedeiro de actividade, entre turistas e lugareños.
Moitas estructuras foron adaptadas ao longo dos séculos para novos usos, o que explica o seu bo estado de conservación. O mausoleo de Diocleciano foi profanado polos cristiáns, que o adaptaron para usalo como catedral desde aquela. A principal praza deste peculiar casco antigo ocupa o peristilo do palacio, que era un amplio patio con arcos e columnas que daba acceso a outras estancias. Aquí consérvase unha esfinxe de granito negro do século XV a.C, que foi traída de Exipto cando se construiu o palacio. Nese momento a esfinxe era tan antiga para os romanos como hoxe é para nós o propio palacio.
|
Praza medieval, fora do palacio de Diocleciano |
Cando deixamos Split achegámonos ás ruinas da fortaleza de Klis, un dos moitos escenarios croatas onde se rodaron esceas da serie Xogo de Tronos, e rematamos o día paseando por unha típica praia adriática de pequenos cantos rolados e augas transparentes.
|
O río Cetina, preto da súa desembocadura en Omiš |