15 DE ABRIL DE 2019
A Dalmacia é unha estreita franxa do territorio de Croacia bañada polo Adriático, que ademais separa a Bosnia-Herzegovina do mar. O terreo é montañoso e o litoral recortado, con moitas illas e portos naturais e unha vexetación máis variada e exhuberante do que un pode esperar do seu clima mediterráneo.
A nosa xornada comezou no parque nacional de Krka, establecido para protexer unha paisaxe de fervenzas semellantes ás de Plitvice, aínda que de tamaño e espectacularidade máis modestas. Un curto percorrido por pasarelas permite aprecialas de cerca.
 |
Mosteiro de Visovac, situado tamén no Parque Nacional de Krka |
Pola tarde continuamos o noso camiño cara o sur, visitando as cidades costeiras de Šibenik e Trogir e parando de cando en vez nos numerosos miradoiros con vistas ao Adriático.
A rocha dominante na Dalmacia é unha caliza branca que lle dá un aspecto moi luminoso aos cascos históricos dos seus pobos, pois os edificios, muros e pavimentos foron construídos con esta pedra.
 |
Principal praza de Šibenik |
 |
Principal praza de Šibenik |
 |
Catedral de Šibenik |
 |
Retratos de cidadáns do século XV na catedral de Šibenik |
A Dalmacia foi unha provincia romana que tras a caída do imperio foi ocupada por pobos eslavos. A partir do século XI, a rexión quedou baixo o control da poderosa república de Venecia ata finais do século XVIII, cando o imperio Austro-Húngaro impuxo o seu dominio que rematou coa 1ª Guerra Mundial. Este longo dominio veneciano explica o marcado aspecto italiano das cidades da costa adriática.
 |
Unha praza de Trogir |
 |
Rúa de Trogir |
 |
Paseo marítimo de Trogir |