Viñemos a Croacia coa expectativa de ver paisaxes naturais de grande beleza e cidades históricas. É un destino moi concurrido durante o verán, así que aproveitamos estas vacacións da Semana Santa para disfrutar do país sen aglomeracións.
O territorio de Hrvatska – que é como se di Croacia no seu propio idioma – pode dividirse en dúas partes moi diferentes: o norte, de carácter continental e centroeuropeo, e a costa adriática, unha rexión marcadamente mediterránea. O noso periplo comeza aterrando en Zagreb, capital do país situada no norte, e finalizará en Dubrovnik, no extremo sur.
Tras coller o coche de aluguer, dirixímonos ao Parque Nacional dos lagos de Plitvice, que pode que representen a imaxe máis coñecida de Croacia. Están situados na Krajina, zona fronteiriza con Bosnia que foi disputada por serbios e croatas a principios da década dos 90.
Este espazo natural protexe parte do curso dos ríos Bijela e Crna, que nesta zona baixan formando una sucesión de lagos e fervenzas rodeados dun bosque de faias e coníferas moi ben conservado. O que fai singular este lugar, así como outros enclaves cercanos, é unha combinación de procesos xeolóxicos e biolóxicos que fan medrar a barreira que separa uns lagos de outros, incrementando a profundidade destes e a altura das caídas de auga. Así que, a diferencia da inmensa maioría das fervenzas do planeta, aquí o constante fluxo de auga crea nova rocha en vez de erosionala, fenómeno que ven sucedendo desde que rematou a última glaciación, hai uns 10000 anos.
Unha rede de sendeiros e pasarelas percorre lagos e cascadas, e unha xornada é suficiente para facer un percorrido completo. Nós tivemos a mala sorte de contar cun día de frío e néboa, pero aínda así pareceunos que o lugar merece a fama que ten.
Esta foi a nosa única visita no interior do país, pois esa mesma tarde puxemos rumbo cara a costa dálmata. A meteoroloxía cambiou radicalmente: ceo soleado e uns agradables 20 grados recibíronnos en Zadar, cidade que conserva uns poucos vestixios da súa orixe romana.
Foro romano e igrexa de San Donato |
Praza dos Cinco Pozos |