25, 26 E 27 DE XULLO DE 2019

A historia de Bosnia e Hercegovina sempre estivo e estará ligada á dos seus veciños balcánicos cos que comparte a orixe eslava. Pero Bosnia adquire unha identidade propia a partir do século X, cando se constitúe como un reino independente baixo á influencia do reino de Hungría. As fronteiras deste reino medieval de Bosnia eran semellantes ás fronteiras do estado actual.

Necrópolis medieval de Radimlja

A partir do século XV é conquistada polo Imperio Otomano – que chegará a estenderse desde o Golfo Pérsico ata as portas de Viena – e durante o seu longo declive posterior conservará Bosnia prácticamente ata a súa desintegración. Nos catro séculos que os otomanos gobernaron en Bosnia introduciron a relixión e a cultura musulmana, transformaron a economía e a sociedade, fundaron cidades e levantaron edificios e infraestructuras que en moitos casos se mantiveron ata a guerra dos 90. Como esta culturización se fixo de forma relativamente tolerante, Bosnia convertiuse nun espazo multiétnico onde os musulmáns conviviron con cristiáns (católicos e ortodoxos) e xudeus.

Tekke de Blagaj, mosteiro musulmán fundado no século XVII
Pocitelj

Durante o século XIX as tensións sociais e nacionais debilitan enormemente o poder dos otomanos en Bosnia, o que é aproveitado polo Imperio Austro-húngaro para estender o dominio que xa exercía sobre as veciñas Croacia e Eslovenia. Cos austro-húngaros chega a revolución industrial e a modernidade, relaxando en parte estas tensións sociais pero que non apaciguarán as demandas de Serbia para incorporar Bosnia a unha gran nación eslava.

E chegamos ao terrible século XX – relatarémolo no próximo post – que comeza aquí en 1914 co asasinato do herdeiro do Imperio Austro-húngaro en Saraxevo a mans dun comando serbio, dando inicio á I Guerra Mundial, e remata en 1995 co acordo de paz de Dayton, do que nace o actual estado de Bosnia e Hercegovina.

Entramos no país desde Croacia por estrada, pasando ese trámite case esquecido de facer cola e ensinar os pasaportes.
Detivémonos na pequena vila de Jajce, antiga capital do reino medieval de Bosnia, que ten unha bonita fortaleza na cima e unha gran fervenza no perímetro urbano.

A crónica da última guerra en Jajce é un dos  exemplos de como sucederon os enfrontamentos en todo o pais: en 1992 os serbo-bosnios (de relixión cristiana ortodoxa) asediaron a cidade e bombardearona con artillería, obrigando aos 40000 habitantes bosnio-croatas (católicos) e bosníacos (musulmáns) a fuxir baixo as bombas. Os atacantes posteriormente destruiron case todas mezquitas e igrexas católicas e ocuparon a cidade ata 1995, cando o exército bosnio-croata recuperou o poder. Unha turba de bosnio-croatas impediu o regreso dos musulmáns durante semanas, ata que as presións internacionais tiveron efecto.

Conducindo cara Mostar paramos en Jablanica, para ver a curiosa estampa dunha ponte ferroviaria destruida na II Guerra Mundial durante a ofensiva do Rio Neretva.

E tamén nos achegamos aos muiños do río Pliva, que tiñan un funcionamento semellante aos muiños que se poden ver na nosa terra, aínda que estes están construídos totalmente en madeira.

A diferencia de Jajce, Mostar adquire relevancia coa chegada dos otomanos, que constrúen a famosa ponte en 1566. Durante a II Guerra Mundial tivo lugar unha  gran deportación e posterior xenocidio de poboación xudea e serbia por parte dos ustachis, un rexime fascista de croatas aliados cos nazis.

Na recente guerra a historia cambia: tras a victoria croata sobre os serbios a cidade queda moi danada, con todas as pontes da cidade demolidas excepto a otomana. Posteriormente os croatas asedian con artillería aos bosnios durante meses, e destruirán a ponte como parte da súa estratexia. A guerra en Mostar custoulle a vida a unhas 2000 persoas.
A maioría das infraestruturas e construcións do pais foron reparadas e case non quedan á vista as feridas da guerra. Os monumentos como a ponte de Mostar ou moitas das mezquitas e igrexas foron reconstruídos na medida do posible, pero perdeuse moito do patrimonio cultural do país, sendo evidente que isto foi unha estratexia intencionada de serbios e croatas para borrar a historia e cultura que non veían como propia. Hoxe a cidade antiga está en mans do turismo de souvenirs e terrazas, e a vella ponte está sempre abarrotada.

Un edifício danado durante a guerra que aínda non foi reparado

Tanto en Mostar como nos arredores puidemos visitar diferentes enclaves. Na cidade entramos nunha mezquita e subimos ao seu minarete, xa que a rama do Islam que seguen en Bosnia non impede que os infieis entren nos seus templos. Tamén vimos unha antiga casa dunha poderosa familia otomana, moi ben conservada.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *