28 E 29 DE XULLO DE 2019

É sorprendente que ao chegar a Saraxevo custe ver algún rastro da guerra. Na memoria de moitos de nós están as imaxes dos edificios furados pola artillería, as rúas desertas e o goteo incesante de víctimas das bombas e dos francotiradores. Pero agora que case todo está reconstruído, Saraxevo volve a ser unha cidade con vida que amosa con orgullo as cicatrices dos combates, símbolo da resistencia deses días, e recordan cando teñen ocasión as 11541 víctimas recoñecidas do asedio.

Ao sair do noso aloxamento, camiñando cara a cidade vella – Stari Grad – atopamos un coidado cemiterio con numerosas tumbas de mármore branco, de persoas falecidas entre 1992 e 1995. Aquí deron sepultura aos soldados do exército bosnio falecidos durante a guerra. Enterámonos logo que tamén se enterrou a Alija Izetbegović, o presidente bosnio que exerceu durante a guerra. Durante os 4 anos do asedio, os habitantes de Saraxevo tiveron que improvisar varios camposantos para acoller aos falecidos, xa que non entraban nin saían da cidade nin os vivos nin os mortos.

Nesa mañán de recén chegados fixemos unha visita guiada a algún dos escenarios destacados do asedio. Un dos máis sorprendentes – e para nós descoñecido –  foi o túnel que as autoridades bosnias mandaron excavar baixo o aeroporto para facer o cerco algo máis permeable.

A casa onde estaba a saída do túnel

A cidade, que estaba en mans dos bosnios, ocupa o fondo dun alongado val rodeado de montañas. Estas montañas estaban en poder dos serbios, desde onde disparaban con tanques, morteiros, lanzagranadas e francotiradores. O aeroporto internacional estaba baixo control aparente da ONU pero rodeado de artillería serbia e era o único tramo do perímetro que non controlaban directamente os serbios. Durante dous meses, dous grupos de voluntarios excavaron desde cada extremo, en turnos de 8 horas, a cambio dun paquete de tabaco, un túnel usado para introducir armas e produtos de primeira necesidade, e evacuar enfermos e feridos.

O resto da xornada adicámola a deambular pola cidade vella otomana, que sufriu moitos danos durante o sitio en mezquitas, monumentos e edificios, hoxe reconstruídos.

Mezquita Gazi Husrev – Beg, do século XVI
Mezquita Gazi Husrev – Beg
Interior da mezquita Gazi Husrev – Beg

Chama moito á atención ver tantas mezquitas nunha cidade europea e oir aos muecíns chamar á oración desde os minaretes. Tanto nesta cidade como no resto de Bosnia hai moitos turistas de outros países musulmáns, recoñecibles porque non falaban a lingua local e as mulleres ían tapadas de pés a cabeza.

Outro lugar de visita imprescindible en Saraxevo é unha esquina entre dúas rúas que non ten absolutamente nada de especial pero que aparece en todos os libros de historia. É o lugar onde asasinaron en 1914 a Francisco Fernando – herdeiro do trono austro-húngaro – cando estaba recibindo un baño de masas en Saraxevo. Este acontecemento desencadeou a I Guerra Mundial, que levou a desaparición dos imperios otomano e austro húngaro e á adhesión de todos os territorios balcánicos ao reino de Serbia.

Ao día seguinte anotámonos a un “free walking tour”, no que un guía nos levou polos lugares máis destacados da cidade vella e nos contou as historias que había detrás. Este tour é gratuíto e o guía só traballa pola propina, polo que esta debe ser algo xenerosa. Sorprendentemente o negocio funciona, incluso para os locais onde degustamos gratuitamente a gastronomía e a cervexa de Sarajevska Pivara.

Cervexería Sarajevska Pivara

Esta fábrica de cervexa, ademais de ter un local histórico digno de ser visitado, xogou un importante papel durante o sitio. Desde o primeiro momento o exército serbio cortou o suministro de auga, electricidade, gas e combustible á cidade, pero a fábrica de cervexa contaba con un manancial propio de auga potable baixo as súas instalacións. A auga repartíase gratuitamente, pero o racionamento obrigaba a facer cola durante horas para que cada familia conseguira a auga que lle correspondía, e en varias ocasións as forzas serbias bombardearon a fila provocando numerosas víctimas. Atacaban tamén o mercado, os hospitais, as escolas, os cemiterios mentres se celebraba un enterro … En moitos puntos da cidade quedan no chan as marcas deixadas pola metralla destas bombas e, ao rematar o asedio, os habitantes de Saraxevo marcaron con pintura vermella aqueles lugares onde houbo víctimas mortais.

Non pode estranar a ninguén que nunha guerra se cometan atrocidades inhumanas de diferente tipo, pero o certo é que as accións dos exércitos serbios superan con creces o esperable nunha situación bélica. Xa tíñamos isto bastante claro antes viaxar aos Balcáns, pero tras entrar no Museo do Xenocidio e os Crímenes contra a Humanidade, sentimos a maldade e a brutalidade coa que trataron ás súas víctimas, case todas civís inocentes. Este pequeno museo expón nas súas salas multitude de testemuñas usadas nos xuizos do Tribunal Penal Internacional para a Antiga Iugoslavia, así como obxectos, fotos e vídeos relacionados coa comisión dos crimes. A lista de atrocidades cometidas contra a poboación civil inclúe o asasinato de nenas, nenos e adolescentes, a violación sistemática de mulleres, torturar a golpes aos homes ata matalos e masacres en masa como a de Srebrenica. En Saraxevo hai outros dous museos adicados á memoria das víctimas da guerra, pero logo da experiencia vivida neste non nos quedou o corpo nin a alma para facer máis visitas deste tipo.

Tras os acordos de paz de Dayton a guerra en Bosnia cesou, e as tres partes en conflicto aceptaron recoñecer o territorio e a soberanía dos demais. O estado de Bosnia e Herzegovina quedou dividido en dúas entidades: a Federación de Bosnia e Herzegovina, maioritariamente formada por bosnios e croatas, e a República Srpska, onde habitan os serbo-bosnios que comezaron as hostilidades. A convivencia entre croatas e bosnios non é boa, e en cidades como Mostar existe unha duplicidade de servizos como o sistema educativo, sanitario e de emerxencias. A convivencia entre a Federación Bosnia e a República Srpska non existe: cada parte ten o seu propio exército e policía, e na práctica funcionan como estados separados. Como nos explicou un dos bosnios que nos ensinou Saraxevo, “esta guerra non a perdeu ningún bando, así que é como se os nazis non desapareceran e tiveramos que pactar e convivir con eles”

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *