DO 11 AO 18 DE AGOSTO DE 2019

Eslovenia foi a primeira das repúblicas balcánicas en independendizarse de Iugoslavia en 1991, tras un pequeno conflicto armado de 10 días que non pode chamarse guerra. A diferencia das repúblicas veciñas de Croacia e Bosnia, aquí non había poboación serbia, polo que o exército da federación iugoslava – ás ordes dunha cúpula militar de maioría serbia – renunciou a presentar batalla.
Adicamos 7 días a coñecer a parte máis occidental do país, unha rexión montañosa e boscosa onde remata a cordilleira alpina. Fixemos varias rutas de senderismo nestas bonitas montañas pero non lograron cautivarnos como si o fixeron outras zonas montañosas de Europa. A isto non axudou o feito de que algunhas atraccións naturais como fervenzas ou gargantas sexan de pago.

Esta bonita cascada era de acceso gratuito

Como anécdota, na dura subida ao monte de Svinjak, renunciamos cando xa ascenderamos 1100 m de desnivel e só faltaban 100 m para chegar ao cumio. O motivo non foi outro que o perigo que vimos nalgúns pasos esvaradizos á beira dun precipicio, cousa que non parecía asustar ao resto de senderistas cos que nos cruzamos.

Monte Svinjak
Nesta zona hai moitas trincheiras da I Guerra Mundial

O lugar mais famoso de Eslovenia é o lago Bled, unha pequena masa de auga que se circunvala tranquilamente nun par de horas. Un castelo que domina desde o alto e unha pequena illa no centro do lago fan do lugar unha postal perfecta que aparece en calquera promoción turística do país. Pensamos que os encantos paisaxísticos de Eslovenia están promocionados de máis, pois a beleza que ofrecen non xustifica os elevados prezos, as aglomeracións de xente, as retencións en estradas ou a imposibilidade de aparcar incluso pagando.

Con estes antecedentes non esperábamos moito de Ljubljana, a capital do país (as “j” lense como “i”). Sen embargo resultounos unha cidade agradable e con encanto. Conta con moitos edificios de estilo modernista, pois en 1895 a cidade foi moi afectada por un terremoto e reconstruíuse coa moda do momento. Tivemos a sorte de vir a Ljubljana un venres, día no que se celebra unha feira gastronómica con postos ambulantes de comida de moitas partes do mundo.

Tras isto, levamos unha sorpresa na garganta do río Rak, un lugar pouco coñecido para o turismo. A garganta formouse cando se derrumbou a maioría do teito dunha gran cova formada por un longo río subterráneo que discurría polo interior da rocha caliza. Agora este río vai aparecendo e desaparecendo e en cada tramo recibe un nome diferente. O río Rak aparece en Mali Naravni Most – pequena ponte natural – e alí exploramos diferentes cavidades que semellaban un mundo perdido.

Castelo de Predjama

Por último, xusto antes de abandonar Eslovenia, pasamos por Piran, unha vila situada na estreita franxa costeira que posúe Eslovenia. Aínda que é un lugar bonito, volveunos parecer que o interés que ten está sobrevalorado.

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *