13 E 14 DE XULLO DE 2020
Dadas as circunstancias de pandemia nas que nos atopamos, este verán parecíanos un pouco arriscado viaxar lonxe da casa. Así que pensamos en dar unha volta a España para percorrer aqueles lugares que non coñecíamos ou que nos apetecía repetir.
Durante a planificación posterior atopamos tantos puntos de interese que non nos quedou outra que deixar boa parte da península para outra ocasión.

Iniciamos o noso periplo en Soria, un territorio rural e pouco poboado pero con moito máis que ver do que parece nun primeiro momento.
A paisaxe é unha mestura de campos de cereal, manchas de bosque e o río Douro e os seus afluentes, que se encaixan con facilidade nas areíscas e calizas que conforman o terreo. A reducida poboación repártese en pequenos pobos e vilas, distantes entre sí, moitos deles rematados por un castelo que é a testemuña do pasado fronteirizo desta terra.
Canón do río Lobos
Ermita de San Bartolomé no canón do río Lobos

A primeira xornada en Soria foi unha bonita andaina polo fondo do Canón do Río Lobos, que nesta época do ano é unha sucesión de charcas que vagamente recordan a un río. En realidade o río Lobos é subterráneo, e a maioría do seu caudal circula polo interior da rocha caliza. Só cando o caudal é moi abundante pode verse un curso de auga correndo pola superficie.

As charcas son un pequeno oasis húmido no medio do secarral soriano e acollen unha grande variedade de prantas, aves e pequenos animais.
Numerosos voitres teñen aquí o seu lugar de residencia habitual, e desde as paredes rochosas que delimitan o canón señorean o aire sen que nada os moleste.

O día seguinte, deixamos atrás o Río Lobos e achegámonos a Numancia, un xacemento arqueolóxico no que xa estivéramos nunha ocasión anterior. Hai máis de 2000 anos, os exércitos romanos dirixidos por un xeneral da familia dos Escipión asediaron este asentamento celtíbero para sometelo. Pero os seus habitantes preferiron suicidarse antes que aceptar ser axusticiados ou vendidos como escravos, e moitos séculos despois a resistencia numantina simboliza a quenes seguen loitando sabendo que a batalla está perdida antes de comezar.

O lugar é interesante a pesar de non ser espectacular, pois dos restos apenas se pode intuír o trazado urbán da antiga cidade. O que mellor se conserva son uns tramos de calzada co seu pavimento, beirarrúas e pasos de peóns elevados. Hai un par de vivendas celtiberas reconstruídas que permiten albiscar o modo de vida destes pobos, moi semellante ao do mundo rural de hai menos dun século.

Pasamos a tarde na capital provincial, paseando pola cidade e pola ribeira do Douro. Á beira do río sitúase a pequena igrexa de San Juan de Duero, que xunto coa arquería do claustro é o único que queda dun mosteiro do século XII. Os restos do claustro son moi chamativos, pos ten uns grosos arcos de pedra entrelazados dunha forma nada habitual para a arquitectura románica.

Interior da igrexa de San Juan de Duero
A matanza dos inocente nun dos capiteis
Igrexa de Santo Domingo, tamén románica do século XII
Algunhas das esceas representadas nas arquivoltas

Antes de voltar ao camping, fixemos un par de paradas en Calatañazor, pequeno pobo medieval de arquitectura tradicional, e na amurallada vila do Burgo de Osma.

Calatañazor
Calatañazor
El Burgo de Osma

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *