23 DE XULLO DE 2020

Navarra presenta uns contrastes xeográficos bastante marcados, estando o tercio norte na cordilleira pirenaica mentres que o sur é unha rexión de chairas fluviais que inclúe unha parte semidesértica.
Os ríos que descenden desde a cordilleira ata o Ebro deben atravesar no seu camiño formacións montañosas de maior ou menor entidade, e cando a dureza das rochas opón resistencia ao seu paso fórmanse canóns e barrancos que aquí se denominan foces. As máis coñecidas son a foz de Arbayún e a foz de Lumbier, creadas polos ríos Salazar e Irati respectivamente.
A foz de Arbayún ofrece a imaxe propia dun canón, con paredes verticais de 200 m que se estenden por case 6 km. Máis para ben que para mal, a parte inferior da foz é case inaccesible salvo que se circule polas augas do río, actividade que non está explotada turísticamente e axuda á conservación das aves que habitan o canón.

Pola contra, a foz de Lumbier conta cun camiño moi cómodo que segue o trazado dunha antiga vía ferroviaria e percorre o fondo deste barranco, aínda que como contrapartida non é tan espectacular como a súa veciña.

Tras bordear esa obra faraónica ─e probablemente innecesaria─ que é a nova presa de Yesa, chegamos ao Mosteiro de Leyre, outra mostra máis do papel fundamental que xogaron as institucións monásticas desde a orixe dos reinos cristiáns. En particular, este mosteiro exerceu de capital espiritual do antigo reino de Navarra, sendo o favorito da monarquía e servindo de lugar de enterramento de moitos reis e raíñas.
A cripta da igrexa, que data do século XI, ten unha arquitectura ben peculiar. Unhas columnas de escasa altura sustentan unha arquería de dimensións desproporcionadas en comparación con estas. O conxunto crea unha sensación de desafío á gravidade e é unha exhibición de coñecemento por parte dos constructores.

A entrada principal ao templo faise pola Porta Speciosa ─porta fermosa─, unha portada moi traballada con numerosas persoaxes talladas nas arquivoltas.

Ao outro lado do río Aragón está o castelo de Javier, ao que decidimos non entrar porque o seu exterior parecía demasiado reconstruido. Logo soubemos que, tras a caida do reino de Navarra no século XVI, o castelo foi parcialmente demolido e entrou en decadencia ata que as ruinas foron reconstruidas a finais do século XIX.

Todos estes lugares están moi cerca de Sangüesa, unha pequena vila á beira do río Aragón que nos serviu como base para movernos por esta comarca. Sangüesa ─ou Zangoza─ conta cun casco histórico agradable para pasear, con varias igrexas románicas e casonas nobres como o pazo de Ongay-Vallesantoro, que pertenceu a un virrei de América. As figuras que decoran a súa fachada e o espectacular aleiro de madeira reflexan a influencia da estética colonial.

A portada da igrexa de Santa María a Real de Sangüesa é outra das obras destacadas do románico navarro, profusamente decorada con esceas do xuízo final, figuras monstruosas e incluso lendas nórdicas traídas polos peregrinos que paraban aquí de camiño a Santiago.

Rematamos o día en Sos del Rey Católico, que pese a pertencer á provincia de Zaragoza está a poucos minutos de Sangüesa. Esta ubicación fronteiriza entre os reinos de Navarra e Aragón fixo que a vila tivera unha grande importancia durante a Idade Media, e este pasado medieval pode apreciarse actualmente grazas a boa conservación das súas murallas, rúas e prazas.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *