17 E 18 DE XULLO DE 2020

Continuamos a nosa viaxe cara o norte e adentrámonos en Euskadi, do que tan só coñeciamos as tres capitais provinciais. Queremos achegarnos a algún dos seus espazos naturais e algúns monumentos, pero non adicaremos tempo á gastronomía, o tapeo ou a praia.
O Hayedo de Otzarreta, sito na parque natural de Gorbea, é un pequeno grupo de faias trasmochadas, ás que regularmente se lles talaban as súas grandes ramas deixando o tronco para iniciar o proceso outra vez. O abandono destas técnicas tradicionais deu lugar a unhas árbores con enormes ramas en forma de candelabro, formando un belo conxunto moi visitado por familias, amantes da fotografía e xente que cree ver neste bosque algo místico e máxico.

Ascendemos ao Pico Tologorri, un pico de pouco máis de 1000 m que non ten máis dificultade que o esforzo físico dos 600 m de desnivel. Hai boas vistas da serra da Salvada e do val desde donde ascendemos, acompañados únicamente polas vacas que pacían no páramo e os voitres que patrullaban a zona. Estes chegaron a planear en varias ocasións a moi pouca distancia de onde estabamos.

A provincia de Álava esconde xoias pouco promocionadas e que polo tanto pasan case desapercibidas polo turismo. Nós soubemos delas grazas a Manuel Gago e Sole Felloza. As igrexas dos pequenos pobos de Gazeo e Alaitza gardan unha sorpresa no seu interior: unhas pinturas do século XIV que permaneceron ocultas e olvidadas durante séculos.

En 1967 atopáronse detrás do retablo da igrexa de San Martín de Gazeo unhas pinturas de estilo gótico lineal e cunha grande riqueza cromática que enseguida foron valoradas polos especialistas como moi importantes. As pinturas teñen unha temática clásica: esceas da vida de Cristo, o xuízo das almas, o inferno … Con todo luxo de detalles para que puidesen ser comprendidas polos feligreses, analfabetos na súa maioría.

En 1982, na igrexa da Asunción de Alaitza (a poucos quilómetros da anterior), descúbrense tamén tras o retablo barroco e unha capa de cal, unhas pinturas radicalmente diferentes, aínda que datan aproximadamente da mesma época que as de Gazeo. Foron pintadas nunha única cor, o vermello, nun estilo moito máis esquemático e primitivo. Pero o que resulta abraiante é a súa temática, que semella estar fora de lugar nunha igrexa. Aparecen guerreiros atacando un castelo, un centauro, unha procesión de mulleres que avanzan axeonlladas cara unha igrexa, esceas de caza, exhibicionistas e incluso un intento de asesinato.

O significado e propósito destas pinturas é un misterio, aínda que se especula con que o edificio fora nun principio un mausoleo para algún noble e as pinturas representasen a historia, real ou mitificada, da liñaxe familiar.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *