Fai máis de 20 millóns de anos, durante o terciario, o choque entre a placa ibérica e a europea produciu varios fenómenos xeolóxicos que deron lugar ás diferentes paisaxes que se ven neste rincón da península. Por unha parte, a colisión dou lugar ás cordilleiras pirenaica e ibérica, ademáis das serras catalanas. Por outra, estas montañas pecharon o mar que ata ese momento separaba ambas placas, formándose unha zona de lagos e pantanos onde hoxe está o val do Ebro. Os sedimentos arrastrados pola forte erosión foron acumulándose nesta cunca endorreica (sen saída ao mar) e alcanzaron espesores de 4000 m, transformándose co tempo en rochas como conglomerados, areíscas, margas e calizas. Hai uns 10 millóns de anos o Ebro conseguiu abrirse camiño a través das Serras Catalanas ata o Mediterráneo e iniciouse a erosión e transporte destas rochas sedimentarias, proceso que continúa na actualidade.
As Bardenas Reales conforman unha paisaxe semidesértica onde o terreo está formado por unha sucesión de capas horizontais de rochas de diferente dureza, que dan lugar a espectaculares fenómenos de erosión diferencial. As Bardenas son hoxe un parque natural no que se pode facer un cómodo percorrido en coche por pista de terra.
Tras pasar unha mañán nas Bardenas, dirixímonos a Uxue, unha vila medieval situada nun pequeno alto e na que destaca a voluminosa silueta da igrexa-fortaleza que hai na cima. Á igrexa é do século XI, pero reformouse en estilo gótico no século XIV, momento no que tamén se fortificou. É curioso ver cómo a cabeceira da igrexa, cos seus ábsides románicos, só é accesible desde o paseo de ronda da muralla.
Tal como lle sucedeu ao castelo de Javier, tras a conquista de Navarra por parte de Castela e Aragón, o cardenal Cisneros ordenou demoler a fortaleza existente en Uxue e as únicas torres que quedaron en pé foron as dúas que estaban integradas na igrexa.