28 DE XULLO DE 2020
Con este panorama pensamos que movernos cara a alta montaña era unha forma de evitar a calor insoportable, así que marchamos para o camping de Añisclo, no borde do Parque Nacional de Ordesa.
É espectacular a vista desde o mirador de Cruces, onde se aprecian perfectamente os estratos de rocha curvados do anticlinal atravesado sen dificultade polo río Bellós.
Xa estivemos en anteriores ocasións neste val, e os roteiros que pagan a pena esixen camiñar moitas horas, pasar por lugares expostos ─posibilidade de caída mortal─ e durmir en alta montaña, e non tíñamos ganas de tanta aventura, así que deixamos o mellor de Añisclo para outra ocasión.
Ao mediodía o sol continuaba implacable; non nos quedou outra que resgardarnos á sombra no cámping. Ao final da tarde fumos en coche ata o Ibón de Plan, e tras circular durante unha hora por unha pista de terra que ascendía á montaña, chegamos a un dos lugares máis bonitos que vimos nesta viaxe. Ibón é a palabra usada en Aragón para os lagos de orixe glaciar, que se forman pola sobreexcavación do xeo na base do circo glaciar e polo represamento das augas polas morrenas do frente. Este ibón está rodeado polas paredes verticais que compoñen o circo, onde se acumulaba a neve que alimentaba o glaciar que dou forma a este val.
As previsións meteorolóxicas anunciaron un aumento das temperaturas na semana seguinte, e o noso coche tiña unha avería que non se podía reparar por falta de recambios, así que decidimos dar por concluída esta viaxe. A volta foi un pouco inquietante, coa ameaza de que o coche acabase por romper cada vez que tiña que subir unha pendente. Só empezamos a sentir algo de alivio cando superamos as últimas rampas da A-52 na Cañiza e conseguimos chegar a casa.