19 E 20 DE XULLO DE 2020
O flysch é un conxunto de rochas sedimentarias onde se alternan capas duras de calizas e areiscas con capas brandas de margas e arxilas, e que se pode atopar en diferentes lugares do planeta. Esta acumulación prodúcese típicamente no fondo mariño creado pola subducción de placas. A alternancia de rochas brandas e duras está vinculada aos cambios climáticos causados por cambios cíclicos da órbita da Terra e da inclinación do seu eixe (ciclos de Milankovich). Ademais, ao producirse a sedimentación preto dun choque de placas, estas rochas teñen moitas posibilidades de acabar pregándose e formando montañas.
Os 13 km de acantilados de flysch entre Mutriku e Deva (Guipúzcoa) gardan o rexistro de 60 millóns de anos da historia xeolóxica da Terra, e falan da evolución do clima, do nivel do mar, da composición da atmósfera e da vida animal. Entorno á praia de Itzurun en Zumaia concéntranse 3 estratos de importancia mundial, aínda que boa parte da historia que contan estas rochas só pode ser leída nun laboratorio e non é posible apreciala a simple vista. O máis coñecido é o Límite K/Pg, o estrato que marca o paso catastrófico do Cretácico ao Paleoxeno hai 65 millóns de anos e que supuxo unha extinción masiva que acabou cos dinosaurios, ademais de outras moitas especies de seres vivos. Este estrato é unha fina capa de cinzas que contén moito iridio, un metal moi raro na corteza terrestre pero máis frecuente en cometas e asteroides. En Zumaia o estrato K/Pg apenas mide 1 mm de espesor, e a pesar de estar exposto á superficie, xa fumos en tres ocasións e aínda non conseguimos localizalo.
Ademais destas particularidades estratigráficas, a costa de flysch de Mutriku-Deva é un espectáculo natural cun atractivo propio evidente. As láminas de rocha verticais forman unha sucesión de acantilados, praias e promontorios, e tras deles aparece unha paisaxe rural de prados e colinas ondulantes. Fixemos un roteiro de sendeirismo que vai de Zumaia a Deva cunhas vistas marabillosas de toda a costa, e logo tomamos un EuskoTren que nos levou de volta a Zumaia.
No noso percorrido pola costa vasca achegámonos á reserva da biosfera de Urdaibai, situada na desembocadura do río Oka, na que hai varios observatorios ornitolóxicos. Queríamos ter parado nalgún dos puntos de interese que hai á beira da estrada ou nas vilas da costa pero cadrou que pasamos por alí nunha calurosa tarde de domingo na que nos foi imposible atopar onde aparcar o coche pola cantidade de xente que había nas praias.
A ponte de Vizcaya, do século XIX, comunica as dúas marxes da ría de Bilbao a través dunha barquilla colgante con capacidade para transportar vehículos e peóns. Construida en ferro e cunha altura de 60 m para permitir o paso dos barcos, é un símbolo da revolución industrial vizcaína.