26 E 27 DE XULLO DE 2020

Ao movernos desde o val do Ebro cara o norte atopámonos coas Serras Exteriores, unha cadea de montañas paralelas ás grandes cumbres dos Pirineos e que dan inicio á cordilleira. Pertencen a este conxunto lugares que xa visitamos como a Serra de Leyre e a de Loarre. Agora tócalle o turno á Serra de Guara, moi coñecida polos estreitos canóns formados por ríos como o Vero e que son unha das mecas do barranquismo en Europa.
Nós preferimos realizar actividades de menos risco, así que fixemos unha ruta polas pasarelas do río Vero en Alquézar. Esta pequena vila é un destino interesante polo ben que conserva o seu urbanismo medieval.

Ademáis hai unhas pasarelas colgadas sobre a parede do barranco, que inicialmente foron construídas para dar servizo a unha pequena central hidroeléctrica pero tras ser reconstruidas en 2002 comezaron a ser explotadas turisticamente chegando a recibir preto de 100000 visitantes anuais. Aproveitamos o caluroso día para remontar o río nun tramo de pouca profundidade, camiñando pola auga e bañámonos nas pozas de cor turquesa.

Tras un revirado percorrido por estrada, voltamos outra vez ao Canón do río Vero, uns quilómetros augas enriba de Alquézar. Nun entorno semiárido e moi pouco poboado, o río furou o substrato de rocha caliza con formas un tanto caprichosas. Como ocorre en moitos lugares con xeoloxía kárstica, a rocha engule case toda a auga da chuvia e desaparece da superficie, o que da lugar a paisaxes sorprendentemente secas. O interior do canón semella un oasis comparado co seu entorno.
Seguimos unha das rutas do xeoparque dos Pirineos, que proporciona unhas explicacións bastante completas sobre a paisaxe que imos vendo. As numerosas oquedades que se ven nas paredes do canón están causadas por unha imperceptible diferencia na proporción de arxila presente na caliza, que provoca menor resistencia ante a erosión.

Estas oquedades foron aproveitadas na prehistoria para realizar pinturas rupestres en lugares que aínda hoxe son de difícil acceso. A nosa ruta pasa polos abrigos do Tozal de Mallata, nos que se poden ver figuras humanas e animais moi esquemáticas feitas por grupos humanos entre o Neolítico e a Idade do Bronce.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *