15, 16 E 17 DE MAIO DE 2021

Tras moitos meses confinados en Galicia, o levantamento das restriccións coincidiu coa ponte das Letras Galegas, polo que non perdemos a oportunidade de sair fóra das nosas fronteiras. Decidimos ir a Valladolid, pois gostamos moito das terras de Castela e tiñamos percorrido case toda a rexión, salvo esta provincia. 

O carácter desta provincia reflicte o seu pasado de fronteira entre o mundo cristián e o musulmán. O río Douro funcionou durante varios séculos como separación natural entre ambos adversarios, e as terras situadas ao norte e ao sur do cauce sufrían ataques do inimigo e cambiaban de mans con relativa frecuencia. Neste período histórico a rexión estaba prácticamente deshabitada pola súa inestabilidade, e a construcción de castelos e outros elementos de defensa militar eran un paso previo ao asentamento da poboación. Máis tarde, cando a Reconquista avanzou cara o sur, estes castelos mantiveron a súa función militar pois quedaron na fronteira entre os reinos de León e Castela.

Castelo de Torrelobatón
Castelo de Torrelobatón
Numerosos castelos destacan na paisaxe. Algúns, inmensos, encravados no medio de pobos e vilas, e outros máis modestos, subidos ao alto dos roquedos. A maioría teñen os seus muros e torres nun estado de conservación excelente. Foron construidos nos primeiros séculos do milenio, e foron reformados posteriormente, o que lles dou un aspecto moi semellante entre sí, á moda do século XV.
Castelo de Tiedra
Castelo de Curiel de Duero
Castelo de Fuensaldaña
Os monarcas do norte levaron a cabo unha política activa de repoboación, e moitos cristiáns que vivían nos territorios musulmáns do sur asentáronse por aquí traendo consigo a estética e a maneira de construir dos árabes peninsulares, dando lugar a un estilo arquitectónico característico que mesturaba elementos visigóticos e musulmáns. Nas igrexas de Santa María de Wamba e San Cebrián de Mazote, do século X, pódese apreciar este arte mozárabe ou de repoboación. Nesta última os arcos de ferradura están sustentados por un conxunto de columnas e fustes diferentes entre sí, pero cun estilo tan clásico que probablemente pertenceran a edificios romanos.
Santa María de Wamba
Santa María de Wamba
Santa María de Wamba
Osario en Santa María de Wamba
San Cebrián de Mazote
Un dos lugares mais destacables desta comarca é a vila de Urueña, que conserva unha robusta muralla rodeando o seu pequeno casco medieval. Extramuros está situada a Ermita da Anunciada, do século XI, construida nun bonito estilo románico lombardo que na península é raro de ver fóra do Pirineo.
Ermita da Anunciada
Ermita da Anunciada
Muralla de Urueña
Na capital vallisoletana botamos un día enteiro, paseando polo casco antigo e visitando o Museo Nacional de Escultura, que acolle unha coidada selección de arte sacro composta maioritariamente por tallas e retablos que van do século XIII ao XIX. A colección repártese polos tres palacios góticos e renacentistas que son sede do museo. Un deles é o Colexio de San Gregorio, un edificio do śeculo XV cun precioso patio e unha fachada moi decorada.
Igrexa de San Pablo
Fachada do Colexio de San Gregorio
Patio do Colexio de San Gregorio
Patio do Colexio de San Gregorio
Belén napolitano do século XVIII
Belén napolitano do século XVIII
Praza Maior de Valladolid
Mais ao leste, na ribeira do Douro, os campos de cereal comparten a paisaxe cos viñedos. A causa das limitacións de aforo non puidemos entrar ao castelo de Peñafiel, un dos máis espectaculares da provincia. Aos pés do risco que ocupa o castelo exténdese a vila, que conta cunha singular praza que funciona como coso taurino para celebrar encerros e corridas.
Castelo de Peñafiel
Praza do Coso
Sen separarnos do Douro fomos ata a necrópole de Pintia, un xacemento do pobo vacceo que habitaba na zona antes da chegada dos romanos. Con moitas dificultades de financiación e coa axuda de empresas e entidades locais, a Universidade de Valladolid está poñendo en valor este cemiterio, moi maltratado pola actividade agrícola no pasado e na actualidade. Estivo en funcionamento entre os séculos V a.C e II d.C, e estímase que hai decenas de miles de tumbas. Os defuntos eran incinerados e as cinsas colocábanse en vasixas cerámicas que se enterraban cun axuar máis ou menos rico dependendo do estatus social do finado. Sobre o lugar de enterramento colocábase unha estela de pedra.
Antes de emprender o camiño de volta a casa, fixemos unha última parada en Simancas. A causa das restriccións da pandemia, tampouco puidemos entrar no castelo, que contén o Arquivo Xeral onde se gardan todos os documentos producidos polos órganos de goberno desde a época dos Reis Católicos ata o reinado de Isabel II.
Castelo de Simancas
Ponte medieval sobre o río Pisuerga

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *