2 E 3 DE AGOSTO DE 2021

Tras a breve estancia na capital salmantina, movémonos cara o noroeste da provincia para achegarnos ata as Arribes do Douro, delimitando con Zamora e que ademáis marca a liña de fronteira con Portugal. As Arribes é como lle chaman ao canón excavado aquí por este río e que nalgúns tramos é moi abrupto. En poucas decenas de quilómetros o río salva o desnivel existente entre a meseta e o seu curso baixo, atravesando rochas duras como o granito, o que da lugar a paredes moi lisas e verticais. Antes o cauce era unha sucesión de rápidos que de cando en vez tornaban en inundacións moi violentas e caudalosas.
A mediados do século XX as dictaduras de España e Portugal acordaron o reparto deste recurso hidráulico e o canón foi domesticado coa instalación de numerosas presas, establecendo récords constructivos que en moitos casos seguen en pé.
É o caso da impresionante présa de Aldeadávila, oculta nun lugar de acceso complicado onde un nunca deixa de ter un chisco de medo. A mole de formigón e a masa de auga parecen pouca cousa comparados coas enormes paredes dos pans de granito. Segue sendo a central hidroeléctrica de maior potencia e producción da península ibérica, aínda que na actualidade a maior parte do tempo funciona como central reversible e o habitual é ver o embalse bastante cheo.
Desde o século XII o Douro foi zona de conflicto entre España e Portugal, así que as vilas da raia están ben fortificadas e algunhas cambiaron de mans en varias ocasións, como San Felices de los Gallegos. O topónimo parece aludir a que os seus primeiros habitantes foron colonizadores vidos de Galicia.
Castelo de San Felices de los Gallegos
Castro prerromano de Yecla de Yeltes
Castelo de Ledesma
Desprazámonos cara o sur ata Ciudad Rodrigo, que conserva unha grosa muralla con bastións do século XVII e nas rúas do casco antigo poden verse moitos pazos renacentistas.
A catedral, que se encadra entre o románico e o gótico, ten unha fabulosa portada románica e un claustro cheo de capiteis e basamentos labrados con figuras moi chamativas. Lamentablemente a principios do século XX fíxose unha restauración moi agresiva dos capiteis do claustro na que se eliminaron algunhas pezas orixinais para substituilas por outras modernas.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *