31 DE XULLO E 1 DE AGOSTO DE 2021
Salamanca ofrece a primeira sorpresa ao entrar na Praza Maior. Tan pronto como se accede por algunha das súas portas parece que asomamos a cabeza ao século XVIII, data da súa construción. A súa arquitectura é simple: un amplo cadrado encerrado por unha fachada que percorre o perímetro, apenas interrompido por algúns arcos que permiten entrar ao recinto. A praza está libre de intervencións contemporáneas destacables: non hai parkings, nin pavillóns, nin terrazas cubertas. Baixo os soportais hai gran oferta hostaleira de cafeterías, restaurantes e incluso algún comercio. Está chea de xente a todas horas, e quedamos coa sensación de atoparnos nunha das prazas máis bonitas de España.
Tras camiñar pola Rúa Maior aparece ante nós a fabulosa Catedral Nova, un edificio gótico do século XVI con todos os elementos típicos deste estilo arquitectónico, como arcobotantes e pináculos. O que máis chama a atención aos turistas son as portadas das fachadas, cun elaborado repertorio de imaxes relixiosas acompañadas por unha plétora de seres fantásticos e ornamentos abstractos. Na restauración de 1992 incluíronse figuras contemporáneas na portada de Ramos, o que fai que a maioría de turistas as revisemos minuciosamente tratando de atopar un astronauta ou un demo cun xeado de tres bolas.
Portada principal da Catedral Nova
O interior da Catedral Nova impresiona pola súa monumentalidade. Un bosque de grosas columnas érguese ata unha altura tal que se ven delgadas e esveltas, e sustentan as bóvedas de crucería e o cimborrio.
Sorprendentemente, os responsables da construción da catedral gótica decidiron conservar a catedral románica antiga, e ambos templos chegaron ata os nosos días sen apenas modificacións. A Catedral Vella, adxunta a Catedral Nova, ten unhas dimensións moito máis modestas, e semella unha versión rústica e humilde da súa veciña. Pero é unha das obras románicas máis bonitas de España e a visita á cuberta para ver de cerca a Torre do Galo é un dos maiores atractivos de Salamanca.
Torre do Galo en primeiro plano
O percorrido pola cidade continúa nas Escolas Maiores, o edificio histórico da Universidade de Salamanca, que é a máis antiga de España. Fundada no século XIII, as ensinanzas impartíronse no claustro da catedral ata que se trasladaron a este edificio dous séculos máis tarde. A fachada plateresca do século XVI tamén participa desta festa de imaxes figurativas e abstractas, aínda que aquí a temática é máis cultural e política: a monarquía española, emperadores romanos e mitoloxía clásica.
Aula do século XVI
Patio das Escolas
Paga a pena deambular por todo o casco histórico, repasando ao longo do día como cambian as rúas, prazas e edificios como a Casa das Conchas ou o Convento de San Esteban.
Patio da Casa das Conchas coas Torres da Clerecía ao fondo
Convento de San Esteban
Tamén hai que destacar o Museo Casa Lis, aloxado nun palacete modernista de 1905 que acolle unha interesante colección de art nouveau e art déco.
Camiñando para fóra da cidade atopamos a ponte romana sobre o río Tormes, onde transcorre unha célebre pasaxe do Lazarillo de Tormes. A diferencia de moitas pontes medievais que se denominan como romanas, esta si foi construida durante o Imperio Romano. Data do século I e conserva 14 arcos orixinais completos, sendo o resto froito das reparacións acometidas tras diferentes riadas. Augas arriba está a Ponte de Enrique Estevan, que leva o nome do concelleiro da cidade que a principios do século XX opúxose ao recrecemento da ponte vella para facela máis ancha e defendeu a construcción dunha nova ponte de ferro.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *