11 E 12 DE OUTUBRO DE 2021
A cidade de Évora é a capital histórica da rexión do Alentejo e o seu casco vello foi incluido na lista da Unesco como Patrimonio da Humanidade. Nela atopamos o mesmo tipo de arquitectura popular das vilas desta rexión, pero cun engadido de monumentalidade que revela a importancia que tivo esta pequena e animada cidade desde os tempos dos romanos.
Praza do Giraldo |
Catedral |
Igrexa da Misericordia |
Da Évora romana apenas se conservan algúns vestixios, por iso resulta sorprendente que chegara ata a nosa época un templo de columnas corintias, dos mellor conservados da Península Ibérica. Está situado na praza Largo do Conde de Vila Flor e rodeado de edificios de época posterior, conformando un bonito conxunto no que destaca como o edificio de máis presencia. Foi construido en época de Augusto hai 2000 anos, e na Idade Media formaba parte da fortaleza da cidade, coas columnas incrustadas nos seus muros. No século XIV transformouse en matadoiro ata que cesou a actividade en 1836, momento no que empeza a ser considerado como un monumento digno de ser estudado e conservado.
Évora gozou dunha nova etapa de crecemento tras a toma da cidade aos musulmáns no século XII por parte de Geraldo Sempavor, un caudillo cristián que liderou a reconquista na rexión do Alentejo. Edificáronse pazos, mosteiros e igrexas e renováronse as murallas, que reciben hoxe aos visitantes que se adentran no seu casco histórico.
Pero foi no século XVI cando Évora alcanzou o seu momento de maior esplendor e chegou a ser a segunda cidade en importancia do reino de Portugal. Fundouse a súa Universidade, que reabriu en 1973 tras pechar durante dous séculos pola expulsión dos seus xestores, os xesuitas portugueses. O principal edificio do campus é o Colégio do Espírito Santo, que ten un gran claustro central porticado e aulas decoradas con azulexos nas que todavía se imparten clases.
Tamén é do século XVI o acueducto de Água de Prata, construído polo arquitecto real Francisco de Arruda, responsable do acueduto de Elvas. A auga chegaba ata o chafariz da Praza do Giraldo, a máis importante da vila, e na actualidade pódese seguir o seu trazado polas pequenas rúas da cidade, agochado nas fachadas das vivendas que se foron construindo baixo as súas arcadas.
Pero a atracción turística máis popular de Évora quizais sexa a Capela dos Ósos, cuxo interior está decorada con calaveras, fémures e outros ósos humanos. A intención dos seus promotores, uns monxes franciscanos, era facer reflexionar á poboación sobre o inevitable destino final das nosas vidas.
Na comarca de Évora, as devesas características da paisaxe alentexana albergan unha importante concentración de dólmenes, menhires e crómlechs levantados durante o Neolítico, hai entre 7000 e 5000 anos. O crómlech dos Almendres é un dos máis importantes de Europa pola súa antigüedade (uns 2000 anos anterior a Stonehenge) e estado de conservación. Os 95 monolitos que o constituén, algúns deles decorados con relevos, están colocados para formar dúas grandes elipses concéntricas e dous círculos máis pequenos. Foi construido en varias fases, o que revela que tivo un uso continuado durante dous milenios, pero o significado que tiña este monumento para os seus creadores é totalmente descoñecido.
Isto non sucede coas antas ou dólmenes, dos que se coñece o seu uso como lugar de enterramento colectivo. A Anta Grande do Zambujeiro, a pesar de estar bastante deteriorada, impresiona polo seu tamaño. Ten un longo corredor que da acceso á cámara, construida con xigantescas pedras de 8 metros de altura.
Finalizamos a nosa viaxe polo Alentejo cunha última parada na curiosa Anta Capela de São Brissos, onde se aproveitou a cámara dun dolmen para construir unha ermita.