5 DE XANEIRO DE 2022

A construcción desta basílica iniciase a finais do século XIX coa intención de levantar un templo expiatorio de inspiración gótica. Un templo expiatorio é aquel financiado unicamente co prezo das entradas e doazóns. Pode que falten décadas para ver a basílica rematada, pero xa é o monumento máis visitado de España.
Pouco despois de colocar as primeiras pedras o xoven arquitecto Antoni Gaudí faise cargo do proxecto ao que acabará adicando gran parte da súa vida. Gaudí cambia totalmente o proxecto inicial para ir corrixindo os defectos que veía nas vellas catedrais medievais. Para isto bota man das novedades constructivas que tamén pon en práctica nos outros edificios que fai ao longo da súa carreira.

Cando Gaudí morre en 1926 o deseño da igrexa está ben definido e estase rematando a primeira das 18 torres coas que contará o templo. Proxecta unha obra dunha dimensión xigantesca para o momento, con torres de case 200 m de altura e un aspecto nunca visto. El sabe que nunca vai ver a obra rematada e procura completar certas partes do edificio para que servan de guía no futuro, e deixa maquetas de gran tamaño das partes máis importantes.
Maqueta actual
Nos primeiros días da guerra civil, un atentado anarquista destrúe a maioría de planos, bocetos e maquetas, polo que na posguerra as obras quedan paradas ata 1944. Nesa década un grupo de arquitectos tentan recompoñer o proxecto baseandose en restos de planos e maquetas, fotos das mesmas, publicacións da época, etc. En 1951 un grupo de intelectuais critica públicamente a continuación da basílica, controversia que aínda se mantén con argumentos algo etéreos arredor do que é a autoría dunha obra arquitectónica, cuestionando o uso de materiais e técnicas modernas, calificando as novas fases de feas e horteras e denunciando o uso turístico do templo.
Na actualidade as obras avanzan a un ritmo frenético, en parte polas decenas de millóns de euros anuais que aportan as entradas e en gran medida pola incorporación de tecnoloxías de todo tipo, como o deseño 3D e a asistencia informática para producir pezas de pedra.
A finais de 2021 foi coroada cunha estrela de aceiro e cristal a Torre da Virxe, a segunda en altura tras a Torre de Xesucristo. Esta última, situada sobre o cruceiro da nave principal, segue gañando altura xunto coas catro torres dos evanxelistas que a rodean.
Á esquerda a torre da Virxe e no centro a de Xesucristo, en construcción

A arquitectura relixiosa habitual sitúa unha cúpula semiesférica no centro do templo, onde se cruzan os dous brazos da cruz que definen a planta. Pero Gaudí coloca aquí seis enormes cimborrios en forma de torre cun perfil que non é nin cónico nin cilindrico, senón catenario e hiperbólico.

Á dereita, lugar que ocupará a fachada de Gloria
Están sen iniciar as obras da Fachada de Gloria, que con catro torres campanario semellantes ás outras dúas fachadas xa rematadas será a principal entrada da igrexa. O motivo do estancamento está nuns edificios de vivendas de 1975 que bloquean a construcción desta fachada. Veciños, concello e xunta constructora da basílica teñen aberta unha negociación para resolver o conflicto, pero ata agora non se avanzou moito na súa solución.
A visita á basílica da Sagrada Familia comeza na Fachada do Nacemento, construida case na súa totalidade por Gaudí e que durante décadas foi a Sagrada Familia, pois era a única edificación do templo.
Fachada do nacemento e torre da Virxe
Un conxunto de esculturas sobre o nacemento de Xesús adornan a fachada, que imita a unha gruta natural. Do conxunto escultórico emerxen as catro torres campanario, pensadas para acoller campanas tubulares, e rematadas por coloridos pináculos que foron a imaxe icónica da Sagrada Familia durante case un século. As 12 torres campanarios proxectadas están adicadas a nove dos apóstoles e a outras persoaxes que Gaudí consideraba relevantes (faltan Xoan e Mateo, que por ser evanxelistas teñen torre propia no centro, e Xudas por traidor).
No outro extremo do transepto ─ brazo curto nunha planta en cruz ─ está a Fachada da Paixón, levantada na segunda metade do século XX e adicada á crucifixión de Cristo. Ten tamén catro torres campanario e un conxunto escultórico que se inicia en 1986 e por ser moi diferente no seu estilo ao do nacemento, foi vítima dunhas críticas pouco xustificadas.
O interior da basílica, rematado en 2010, é impresionante. Quen teña visto algunha das grandes catedrais góticas pode recoñecer moitos dos seus elementos, como a nave central e as laterais, as paredes abertas polas vidrieiras e as columnas que se levantan ata fundirse coas bóvedas da cuberta.
Nave central
Naves laterais e coro
Ábsida e altar
Pero Gaudí utiliza formas e estructuras diferentes ás tradicionais para estes elementos, calculadas en parte co uso das maquetas funiculares. Estas complicadas maquetas facíanse con fios dos que colgaban pesos que representaban a carga que soportaban as estructuras.
Reconstrucción do funicular da Capela Güell
Da figura que creaban os fíos deducíase aproximadamente a posición, forma e grosor dos arcos e columnas para que soportasen o seu propio peso e o do resto do edificio. Así aparecen no deseño curvas catenarias e superficies paraboloides e hiperbólicas que dan resposta a diferentes problemas arquitectonicos. As columnas ramificanse varias veces como as ramas das árbores nun bosque para levantar as bóvedas a gran altura.
Baixo as naves laterais hai unhas enormes bancadas pensadas para acoller un coro de centos de persosas. A luz solar que atravesa as vidrieiras tinxe de cores a pedra do interior.
Aínda que as columnas teñen o exterior feito de pedra, o seu esqueleto é de formigón armado, evolución lóxica que segue ao recheo de cachotes e morteiro de cal que hai no interior de moitos pilares e columnas de épocas previas.
O exterior da basílica e agora mesmo unha mestura de grúas e andamios, torres terminadas e outras esperando a primeira restauración. Está construída a primeira das catro sacristias que se situarán nas esquinas do recinto. As fachadas laterais son un torrente de formas xeométricas e escultura naturalista, onde aparecen tanto lagartixas e caracois como elipses e paraboloides. Uns coloridos cestos de froitos rematan os frontóns dos ventanais, realizados co mosaico de vidro venenciano que Gaudí chamou trencadís.
Uvas e cáliz; cesta de caquis; trigo e hostia
A visita a este templo é sen dúbida o maior atractivo de Barcelona, a obra máis importante de Gaudí, a última catedral en construcción ─ aínda que na xerarquía católica non é unha catedral ─ e unha obra arquitectónica de vangarda.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *