6 DE XANEIRO DE 2022
A finais do século XIX e principios do XX, a burguesía industrial de Barcelona comeza a interesarse polas novas correntes arquitectónicas e artísticas que percorrían Europa e que en Cataluña denomináronse Modernismo. Así, as familias adiñeiradas contratan aos arquitectos de moda para construir as súas casas e lles dan plena liberdade creativa, dando como resultado obras orixinais e innovadoras que rompían coa estética imperante ata ese momento. Son moitos os edificios deste estilo que se poden atopar paseando polas rúas do Ensanche barcelonés, especialmente no Paseo de Gracia, que se converteu no lugar preferido dos burgueses para construir a súa residencia.
Detalle da fachada da Casa Amatller, obra de Puig i Cadafalch |
En 1903 Josep Batlló y Casanovas, un industrial e próspero home de negocios, merca un edificio de vivendas no nº 43 do Paseo de Gracia para demolelo e levantar outro de nova planta. Batlló encarga a obra a Antoni Gaudí, pero este opta por unha reforma integral, recibindo ademais unha enorme liberdade creativa e, visto o resultado, tanto diñeiro como fose necesario.
Así que Gaudí cambialle a pel a este edificio decimonónico para transformalo nunha das casas máis bonitas do mundo. Desaparece todo rastro neoclásico para convertirse nun espazo de fantasía, onde cada rincón é unha obra mestra da artesanía, con espazos moi acolledores que convidan a quedarse. Hai unha profusión de formas suaves e orgánicas, cores cálidas e agradables, madeiras talladas de formas incribles como o pasamáns da escaleira principal, que asemella a espiña dorsal dun vertebrado.
Escaleira principal |
Pero é que ademáis Gaudí pon esta exhuberancia plástica ao servizo dos inquilinos, facendo da Casa Batlló unha vivenda moi confortable e moderna, que transmite alegría e na que aínda hoxe apetece residir.
A arquitectura da Casa Batlló conta con varios elementos destacados. A fachada leva máis dun século provocando sorpresa e admiración aos visitantes de Barcelona. A cuberta de cerámica de cores parece o lombo dun inmenso dragón ou dinosaurio.
O patio interior está cuberto de cristal e por el sube a escaleira que da acceso ás diferentes vivendas. Está alicatado de azulexos de tonos azuis que suavemente van virando a branco nos pisos inferiores, para repartir máis luz aos pisos máis escuros.
Este edificio abreu as súas portas ao público en 2002, 98 anos despois de que rematase a súa construcción. É unha visita imprescindible para calquera persoa, teña ou non interés pola arquitectura, e o prezo da entrada paga a pena porque a experiencia é inolvidable.
Baixocuberta da Casa Batlló |
A 500 m da casa Batlló está a Casa Milá. Tamén coñecida como La Pedrera, é un edificio de vivendas encargado polo matrimonio Milà-Segimon, que contratan a Antoni Gaudí impresionados polo resultado da Casa Batlló. Os Milà-Segimon establecen aquí a súa residencia principal, ocupando a segunda planta do edificio, e destina o resto de vivendas ─ catro por planta ─ a aluguer.
Aínda que a fachada e a terraza converteronse por mérito propio en imaxes icónicas da arquitectura de Gaudí, a obra está pensada e deseñada para dar confort e calidade de vida aos seus acaudalados residentes, polo que a vida no interior é a guía principal no deseño da construcción.
Escaleira privada de acceso ao piso da familia Milá |
Portal de entrada |
A estructura do edificio é de vigas de metal e columnas de pedra e ladrillo, polo que os muros non son de carga e teñen liberdade para tomar calquera forma e para ser colocados en calquer lugar. Desde este punto de vista é unha obra representativa da arquitectura do século XX. A fachada, feita de rocha caliza de Montjuic, non necesita soportar o peso do edificio, e está tallada coma unha escultura. As formas suaves, curvas e ondulantes, semellantes ao esqueleto dun vertebrado, crean unha sensación de lixeireza e de ser un obxecto saído da natureza. Irónicamente, parte da sociedade barcelonesa da época via nesta apariencia un motivo de constante burla e o nome da Pedrera ─ a canteira ─ nace como mote despectivo.
A cuberta da Pedrera supón un cénit na arquitectura civil de Gaudí, e a peculiar forma dos seus elementos, xa usados en obras anteriores, logran aquí un equilibrio brillante entre forma e función.
O faiado situado entre o tellado e a última planta do edificio destínase ao lavado e secado da roupa, servindo ademáis para a regulación térmica das últimas plantas. Está soportado por centos de arcos catenarios construidos de ladrillo, que son baratos e moi eficaces sustentando o peso do tellado.
O faiado situado entre o tellado e a última planta do edificio destínase ao lavado e secado da roupa, servindo ademáis para a regulación térmica das últimas plantas. Está soportado por centos de arcos catenarios construidos de ladrillo, que son baratos e moi eficaces sustentando o peso do tellado.
A curva catenaria é a que forma unha cadea ou calquera peso flexible colgado polos seus extremos e sometido únicamente á forza da gravidade. Dándolle a volta obtense o arco catenario, omnipresente na obra de Gaudí.
Deseño dos arcos catenarios da cripta Güell (non construida) |
Este é a solución matemática perfecta ao mais vello problema da arquitectura, o de construir un arco capaz de soportar o seu propio peso sen xenerar forzas cara os lados, forzas que sempre limitaron o uso dos arcos semicirculares ou apuntados nas arquitecturas de épocas anteriores.
Sobre este costillar de arcos catenarios de tamaño variado repousa a terraza, onde se mesturan superficies planas a diferentes alturas unidas por escalóns, chemineas e conductos de ventilación de aspecto impoñente, depósitos de auga e grandes volumes que son as caixas das escaleiras de acceso. A cerámica do chan, o estuco e o trencadís impermeabilizan os elementos deste tellado. Dous patios interiores se abren na terraza, cunha boca amplia para que entre por eles a luz e o aire.
Non son estas as únicas vivendas construídas por Gaudí, pero sen dúbida son dos mellores edificios da súa época en Europa. Pasaron á historia da arquitectura merecidamente e son a proba presente da xenialidade do seu autor.