8 E 9 DE XANEIRO DE 2022.
Eusebi Güell foi un empresario de moito éxito, herdeiro da gran fortuna que o seu pai fixo en Cuba e que multiplicou ata converterse nun dos homes máis ricos de España. Pero ademais era unha persoa culta e ilustrada, e actuou como mecenas de numerosos artistas de todas as artes.
Gaudí e Güell coñecéronse en 1878, cando o empresario queda fascinado con unha vitrina de comercio que o arquitecto deseñara para unha guantería. Comeza así unha relación profesional e de amistade que duraría 40 anos, na que Gaudí realizou importantes traballos para Eusebi Güell, gozando de gran liberdade creativa e presupostos xenerosos, para afrontar proxectos fóra do común.
En 1888 finaliza a construcción do Palau Güell, que será a residencia da familia durante case 20 anos. Está encravado no Raval, un barrio de obreiros e inmigrantes onde vivía o pai de Güell, o que contrasta coa moda do momento de instalarse no Paseo de Grácia.
Despois de ver as casas Batlló e Milà, este edificio parece un palacio medieval, escuro, antigo e pouco acolledor, aínda que non lle falta orixinalidade. Está construido en pedra calcária escura que viña dunha canteira propiedade de Güell. A fachada destaca, sobre todo, polos arcos parabólicos que acollen sendas entradas, pechadas por unha impoñente celosía de ferro forxado.
O interior é suntuoso e solemne, e estructúrase arredor dun abraiante patio interior que acollía un oratorio, un órgano e unha tribuna para os músicos durante as recepcións e festas. No salón principal destaca a columnata do ventanal, que completa a gran impresión que produce o espazo. Este salón estaba decorado no pasado de forma máis acolledora, ao xulgar polo visto nalgunhas fotos da época.
O parque Güell é o máis coñecido de todos os traballos que fixo Gaudí para o seu mecenas. O proxecto orixinal resultou ser un fracaso, pois prevía a creación dunha urbanización de luxo con xardíns, camiños e espazos comúns. Como o lugar quedaba a bastante distancia do centro de Barcelona, as parcelas non se venderon e as obras pararon en 1914. Os únicos que viñeron vivir ao parque foron Gaudí, a familia Güell ─ que marchou do palacio en 1906 ─ e a familia Trias, que aínda conserva a vivienda no alto do parque. Posteriormente o lugar foi adquirido polo concello de Barcelona, que o abreu como parque público en 1923.
Os dous pavillóns que custodian a entrada ao parque, coas súas formas e cores, parecen saídos da fantasía dun conto infantil, ao igual que os camiños porticados con columnas inclinadas.
Finalizamos a nosa viaxe coa visita a unha obra de Gaudí menos coñecida pero que foi o seu primeiro proxecto de importancia. Trátase da Casa Vicens, unha vivenda unifamiliar con xardín construida entre 1883 e 1885 que deu moito que falar na Barcelona da época.
Na casa Vicens pode apreciarse claramente a inspiración oriental que é característica das primeiras obras de Gaudí. Na primeira planta, unha tribuna cunha fonte rodeada de celosías de madeira de estilo xaponés actúa como nexo de unión entre o xardín e o salón. O teito da sala de fumar, unha das máis chamativas da vivenda, ten unha decoración de mocárabes islámicos.
Toda a vivenda conta cunha decoración minuciosa e variada con motivos extraidos da natureza, desde as pinturas de paxaros que decoran as xambas das portas do salón e algúns teitos ata os motivos vexetais que recubren as paredes.
Como en case todas as obras de Gaudí, o século XX foi alterando o proxecto orixinal e nos últimos anos restaurouse na medida do posible. A casa Vicens perdeu case todo o xardín en favor de edificios de vivendas, e hai que facer un exercicio de imaxinación para comprender o que era no seu momento: unha cómoda vivenda no medio do campo, probablemente a casa que escolleríamos para vivir de entre todas as de Gaudí.