14 DE AGOSTO DE 2023
O nome de Samarkanda soa tan evocador que semella un lugar mítico existente só nos contos das Mil e Unha Noites ou nos relatos dos viaxeiros que se aventuraron por estas terras exóticas. Marco Polo, Ibn Batutta e Ruy González de Clavijo recolleron nas súas crónicas o esplendor de Samarkanda, unha das máis antigas e belas cidades do mundo.
Samarkanda floreceu como unha importante cidade comercial baixo o dominio dos persas aqueménidas e sasánidas desde o século VI a.C ata que foi conquistada polos árabes a principios do século VIII. Estes introduciron a relixión islámica e erradicaron o zoroastrismo, predominante ata ese momento na rexión. A cidade converteuse nunha das máis importantes paradas da Ruta da Seda, un conxunto de rutas comerciais que conectaban China con Persia e co Mediterráneo e pola que viaxaban non só todo tipo de mercancías, senón tamén de culturas e saberes.
Durante os séculos seguintes, no goberno de Samarkanda sucedéronse dinastías de diversas orixes, desde persas samánidas ata varias tribus túrquicas procedentes das estepas do centro de Asia.
Deste período non quedan monumentos, pois en 1220 o exército mongol comandado por Gengis Khan arrasou a cidade ata deixala en ruinas. Samarkanda foi reconstruida e recobrou importancia como nó de comunicacións, pero non sería ata 1370 cando comezaría o seu verdadeiro florecemento.
Nese ano, Amir Timur, un caudillo local que conseguira facerse co poder, decidiu converter a Samarkanda na capital dos seus dominios. Durante os seguintes 35 anos sucedéronse as campañas militares e Amir Timur, máis coñecido en Occidente como Tamerlán, construiu un dos maiores imperios xamais coñecidos, abarcando desde o Cáucaso ata o Golfo Pérsico e desde o mar Negro ata o norte da India. Tamerlán foi un gran líder e estratega que nunca foi vencido en batalla e era temido pola súa extrema brutalidade. Usou o terror como unha táctica militar máis e non perdoaba unha vida nas cidades que se lle resistían, chegando a construir torres feitas con 70000 cabezas da poboación masacrada. Considérase responsable directo da morte de millóns de persoas e un dos grandes xenocidas da historia.
Pero tamén tiña unha gran sensibilidade artística e fomentou o embelecemento de Samarkanda con construccións para as que se empregaron os mellores materiais e nas que traballaron os máis hábiles artesáns de todo o imperio. Con Tamerlán e os seus sucesores, a cidade converteuse nun gran centro cultural onde se estudaba literatura, matemáticas, astronomía, filosofía …
Aínda que Tamerlán era de ascendencia turco-mongola e se consideraba a si mesmo herdeiro de Gengis Khan, a cultura que promoveu era esencialmente persa e a arquitectura dos edicios construidos así o testemuña.
O corazón de Samarkanda é a praza do Registán, enmarcada por tres monumentais madrasas. Unha madrasa era un centro de estudos no mundo islámico, onde podían ensinarse toda clase de disciplinas. Os estudantes habitualmente residían na propia madrasa, en celdas dispostas arredor dun patio.
Ulug Bek, neto de Tamerlán que gobernaría durante case toda a primeira metade do século XV, tiña moito máis interese polo estudo da astronomía e a ciencia que polos asuntos de estado. Mandou construir a primeira madrasa do Registán que se convertiría nun gran referente da ciencia medieval. Dise que incluso o propio gobernante exercía como profesor desa madrasa.
A pesar de que as outras dúas madrasas se construíron dous séculos máis tarde que a de Ulug Bek, o estilo arquitectónico e decorativo é o mesmo. Todas teñen enormes portais de acceso ─ chamados pishtak na arquitectura persa ─ cúpulas e minaretes recubertos de azulexos con intrincados patróns xeométricos, vexetais e caligráficos.
O patio central era o lugar onde se impartían as clases, ainda que tamén había aulas cubertas e cada madrasa contaba coa súa propia mezquita. As habitacións dos estudantes daban ao patio, e a maioría delas son agora tendas de artesanía e souvenirs.
Adicamos unha mañá completa a visitar as madrasas do Registán, pero voltamos moitas veces máis a marabillarnos coa praza que durante séculos serviu de punto de encontro dos innumerables viaxeiros que pasaron pola cidade.