16, 17 E 18 DE AGOSTO DE 2023
A cidade de Bukhara, situada a uns 200 km ao oeste de Samarkanda, foi desde a antigüidade un importante centro comercial da Ruta da Seda, pero durante os séculos IX e X converteuse ademais no centro cultural e relixioso máis importante de toda Asia Central baixo a dinastía persa dos Samánidas. O filósofo e médico Avicena e o poeta Rudaki, entre outros intelectuais do mundo persa desa época, desenvolveron aquí o seu traballo.
Como tantas outras cidades, Bukhara tamén foi arrasada por Gengis Khan no século XIII e a súa poboación masacrada. Non conseguiu recuperar plenamente o seu estatus ata o século XVI, cando na cidade se contaban por decenas os bazares e caravansares e por centenares as mezquitas e madrasas.
O comercio a través da Ruta da Seda declinou a partir do século XVIII, cando as rutas marítimas se impuxeron no transporte de mercancías. A importancia de Bukhara reduciuse á esfera relixiosa, e no seu goberno se sucederon unha serie de khans coñecidos pola súa crueldade e extremismo relixioso.
A finais do século XIX, os rusos conseguiron controlar Samarkanda e Bukhara despois dalgunhas intervencións militares e a rexión converteuse nun protectorado do zar de Rusia ata a revolución bolchevique e posterior incorporación á URSS.
Durante a etapa soviética as mezquitas e madrasas pasaron a ser oficinas, almacéns, asociacións de traballadores, … Hoxe pouco queda do espíritu relixioso de séculos anteriores, e pódese dicir que Uzbekistán é un país moi laico no que nin sequera se fan chamadas á oración desde os minaretes como noutros países islámicos.
O casco vello de Bukhara non sufriu as demolicións doutras cidades uzbekas e, aínda que hai moitos edificios históricos que precisan dunha restauración, atópase moi ben conservado.
A praza Poi Kalyon é o lugar máis destacado, a onde acabamos volvendo varias veces durante a nosa estancia en Bukhara. Nela sobresae o minarete construido en 1127 e que conseguiu impresionar ao mesmísimo Gengis Khan, quen ordeou que non fose destruido como o resto da cidade.
A mezquita e a madrasa que completan a praza, do século XVI, todavía conservan as funcións para as que foron creadas aínda que a unha escala moito menor. A mezquita está aberta aos visitantes, pero non a madrasa na que estudan e residen uns 100 futuros expertos en relixión islámica.
Se a praza Poi Kalyon é o centro espiritual da cidade, a praza Lyabi Hauz é o seu centro social, de ocio e descanso. Nos seus arredores abundan os antigos caravansares, onde se hospedaban os comerciantes e animais que percorrían a Ruta da Seda, e as chaikanas ou teterías. Arredor do estanque central da plaza hai dúas madrasas e unha khanaka, que era un lugar onde os derviches sufíes itinerantes podían aloxarse e meditar.
Testemuñas do pasado comercial de Bukhara, os Taqi son bazares do século XVI, cubertos por cúpulas e que no seu tempo estiveron especializados nalgún tipo de mercancía en particular (alfombras, xoias, sombreiros, …)
O Ark era a fortaleza na que residiron os gobernantes da cidade, un enorme complexo que chegou a albergar a 3000 personas. Foi moi bombardado polo exército bolchevique cando tomou a cidade, e só queda en pé un 20% do que era orixinalmente. Ademáis das murallas e a porta de acceso, sobreviviron algunhas dependencias do interior, como a mezquita e o salón do trono.
Dous edificios curiosos atópanse a pouca distancia do Ark. Un deles é a mezquita Bolo Hauz, con esbeltas columnas de madeira que soportan o pórtico de acceso. O outro é coñecido como Chor Minor, a orixinal porta de entrada a unha madrasa xa desaparecida.
Deixamos para o final a visita ao monumento máis antigo da cidade, o mausoleo do século X do fundador da dinastía samánida, Ismail Samani. Salvouse da destrucción de Gengis Khan grazas a que quedou cuberto pola area do deserto e non se descubriu ata 1934.