9, 10 E 11 DE AGOSTO DE 2023
Imos de camiño a Asia Central, a pasar algo máis dunha semana en Uzbekistán, e aproveitamos unha escala en Estambul para ver a cidade nunha corta pero completa visita. Durante tres días camiñamos por esta gran cidade para ver os seus monumentos e lugares máis interesantes, dentro do que as circunstancias o permitiron.
A cidade naceu da refundación sobre unha antiga colonia grega de certa importancia chamada Bizancio por mandato do emperador romano Constantino no ano 330, e comezou a chamarse Constantinopla. A intención era establecer unha segunda capital do imperio romano para atender mellor a rexión oriental do mesmo. Logo de algo máis dun século, Roma e a parte occidental do imperio caeron definitivamente tras a enésima invasion bárbara e Constantinopla quedou como capital única. Este Imperio Romano de Oriente coñécese actualmente como Imperio Bizantino, e prolongouse mil anos máis mentres Europa Occidental pasaba pola Idade Media.
Xa case desde o inicio o Imperio Bizantino foi cristiano, pero as diferencias con occidente foron medrando ata o cisma de 1054, que dividiu ao cristianismo en católicos de Roma e ortodoxos de Constantinopla.
En 1453 a cidade de Constaninopla era o último reducto do Imperio Bizantino pero as súas eficaces murallas, que lle deran seguridade durante un milenio, non soportaron o asedio e a pólvora dos canóns dos turcos otomanos, que levaban décadas conquistando territorio do imperio. Este pobo musulmán tomou a cidade, converteuna na sede do califato otomano e cambioulle o nome polo de Estambul, que era como eles a coñecían.
O Imperio Otomano foise extendendo ata dominar o oriente desde os Balcáns ata o mar Caspio e o norte de África. No período otomano, Estambul tamén foi o centro de poder da relixión islámica, aínda que dentro das fronteiras do imperio se toleraban outras crenzas como o xudaísmo ou o cristianismo. As persoas non musulmanas debían pagar un imposto anual e en caso contrario poderían ser vendidos como escravos.
Coa súa derrota ao final da Primeira Guerra Mundial, xa entrado o seculo XX, os territorios do Imperio Otomano foron repartidos entre as potencias vencedoras. Pero un levantamento militar en Anatolia logrou a independencia e fundou a República de Turquía, coa pretensión de ser unha democracia laica semellante ás occidentais. Hoxe a democracia turca pasa por un momento sombrío baixo a presidencia de Tayyip Erdogan, quen reformou a constitución para restar poder ao parlamento e traspasalo á presidencia. Erdogan explota o pasado otomano e a tradición islámica como xustificación para unha política nacionalista e populista.
Unha das últimas medidas de Erdogan nesta liña foi revertir o estatus laico da Basílica bizantina de Santa Sofía, que foi a primeira visita que fixemos en Estambul. Este fabuloso edificio, construído polo emperador romano Xustiniano en 537 como basílica cristiana, consérvase en gran medida tal como era hai 15 séculos. A arquitectura do edificio estructúrase arredor da súa gran cúpula de 31 metros de diámetro, e foi a catedral máis grande do cristianismo ata ser superada pola de Sevilla en 1520. O interior da basílica alberga un conxunto de mosaicos bizantinos tanto abstractos como de temática relixiosa cristiana. Na antigüidade o exterior estaba cuberto de mármore branco con adornos dourados, dándolle a basílica un aspecto moito máis elegante que o actual.
O mesmo día que o sultán otomano Mehmet conquista Constantinopla en 1453, vai rezar a basílica que, desde ese momento, pasa a ser unha mezquita. Así permanece ata que o primeiro presidente do estado turco, Mustafa Kemal Atatürk, decreta a desacralización da basílica-mezquita en 1934 converténdoa nun museo. Destapáronse algúns mosaicos que os otomanos cubriran con cal, algo que posibilitou a súa conservación durante os últimos séculos. Cabe mencionar que os maiores danos sufridos pola basílica ─ e quizáis tamén a cidade e mesmo o imperio bizantino─ foron cometidos polos cruzados católicos que saquearon Constantinopla en 1204 ao mando do nonaxenario duce veneciano Enrico Dandolo.
Tras a recente anulación do decreto de desacralización, Santa Sofía volve a ser unha mezquita, e o seu carácter relixioso e sagrado eclipsa totalmente a figura de monumento histórico. Colocáronse lonas que cobren os mosaicos cristianos máis visibles e impídese o acceso a maioría da basílica. Non hai referencias ao pasado previo ao otomano que, na visión de Erdogan, é un estorbo para á súa liña política. Neste momento só se pode facer unha visita moi mutilada a Santa Sofía.
A 400 metros da basílica está a mezquita do Sultán Ahmed ou mezquita Azul, contruída entre 1609 e 1617 durante o mandato de Ahmed I. É unha das imaxes máis icónicas de Estambul coa súa gran cúpula central rodeada de catro semicúpulas e seis minaretes. A mezquita azul substituíu a Santa Sofía como mezquita principal da cidade, de quen toma moito da súa arquitectura. O nome popular ven dado pola decoración interior, onde predominan os azulexos e pinturas azuis. Foi a obra máis valorada do chamado estilo clásico otomano, que inspirou numerosas mezquitas ao longo do seu territorio.
A mezquita Azul construeuse sobre parte dos restos do Hipódromo de Constantinopla, que era unha enorme pista de carreiras de cuádrigas que mandou renovar o emperador romano Constantino cando fundou a cidade. Contaba con graderíos para albergar 100000 espectadores, e hoxe apenas se conservan tres monumentos que adornaban a spina central da pista. O máis notable é un enorme obelisco monolítico exipcio que o emperador Constancio II mandou traer desde Luxor, xunto con outro obelisco semellante que acabaría colocado no Circo Máximo de Roma.
Mentres o obelisco romano chegou ao seu destino logo de 20 anos, o obelisco bizantino quedou abandonado 30 anos no porto de Alexandría e logo outros 30 anos no porto de Constantinopla. Cando o emperador Teodosio I logrou poñelo en pé, perdera boa parte da súa altura pasando dos 30 metros que tiña en Exipto aos 18 que se poden ver agora. Máis alá diso, o obelisco de 3500 anos está en perfecto estado, mellor que o pedestal sobre o que se asenta, que ten inscripcións e relevos sobre o emperador no hipódromo e o transporte do monolito.
A primeira xornada en Estambul rematou na Cisterna Basílica, un inmenso depósito de auga subterráneo que adquire as dimensións actuais tras unha ampliación ordenada por Xustiniano. Ten case unha hectárea de planta e 9 metros de altura, e a bóveda susténtase sobre 336 columnas de mármore recicladas doutros monumentos. Acaban de estrearse unhas novas instalacións para a visita turística, que se fai paseando por unhas pasarelas dispostas a escasa altura da superficie da auga ─ que se mantén a un nivel mínimo ─. A penumbra na que permanece a cisterna rómpese regularmente con xogos de luces que permiten apreciar mellor o espazo no que estamos. Nunha das zonas máis remotas da cisterna hai dúas columnas apoiadas nuns capiteis coa cara de medusas.
A mañá seguinte adicámola a percorrer Topkapi, o complexo palacego onde residían os sultáns e desde onde administraban o imperio otomano. O complexo comeza a construirse en 1459, pouco despois da conquista de Constantinopla, e foise ampliando co paso dos séculos ata que no ano 1856 o Sultán decidiu mover a súa residencia a un novo palacio de estilo europeo na ribeira do Bósforo. Está dividido en catro grandes patios amurallados e axardinados, onde se distribúen diversos pavillóns e edificios destinados para o uso do goberno e da corte. A súa estructura é diferente aos palacios europeos e incluso islámicos, pois é irregular, asimétrico, carece dun eixe central e non ten dimensións monumentais, senón que está pensado para garantir o illamento e a privacidade do Sultán e a súa corte.
O illamento como norma de vida tamén definía ao harén ─ literalmente lugar sagrado e inviolable ─ que era un complexo aparte dentro do palacio onde vivía o sultán e as mulleres da corte: a nai do Sultán, as mulleres e concubinas, a súa descendencia, as serventes e escravas, e os serventes eunucos. Cada grupo social ou servizo tiña a súa propia zona independente ordenada arredor dun patio, sumando máis de 100 habitacións en total.
Continuamos a nosa andaina visitando o bazar das especias, a mezquita de Suleiman o Magnífico e rematamos cunha excursión en barco polo estreito do Bósforo.
Ao día seguinte paseamos polo Gran Bazar e o barrio xudeu, paramos na antiga estación terminal do Orient Espress e cruzamos o Corno de Ouro ─ unha entrada do mar que divide a parte europea de Estambul ─ para achegarnos ao antigo barrio dos xenoveses coa súa torre Gálata.