20 DE AGOSTO DE 2023

Para chegar a Khiva desde Bukhara fixemos en taxi máis de 400 km a través do deserto de Kyzylkum, nome que se traduce como area vermella. Este deserto, situado entre os ríos Amu Darya e Syr Darya, ocupa gran parte da superficie de Uzbekistán, aínda que nalgunhas zonas a súa aridez está moi camuflada debido aos canais de irrigación que exprimen a auga dos ríos.

A cidade de Khiva aséntase nun oasis moi cerca do Amu Darya, xusto no límite entre os desertos do Karakum ao sur e o Kyzylkum ao norte. Esta situación fixo dela unha parada imprescindible para as fatigadas caravanas que viñan de atravesar estes extensos desertos.

Caravansar ou aloxamento para as caravanas de comerciantes

Durante séculos, Khiva foi coñecida por ser un dos principais mercados de escravos de toda Asia Central. Os escravos procedían de incursións realizadas contra vilas de campesiños rusos instalados nas estepas kazaxas ou contra persas que vivían ou viaxaban polo Karakum. O comercio de escravos foi legal ata 1865, pero continuou de forma encuberta durante algúns anos máis principalmente para engrosar os haréns e o servicio doméstico das élites.

O pequeno casco histórico de Khiva está totalmente rodeado dunha muralla de barro e ladrillo na que se abren as catro portas de entrada. Dentro das murallas todos os edificios conservan a estructura arquitectónica e os materiais de construcción tradicionais, o que unido á prohibición de entrada de vehículos, aviva a sensación de ter retrocedido no tempo.

A cidade é un labiririnto de rúas estreitas onde predominan os tonos marróns do adobe, que contrastan coas decoracións de coridos azulexos dos edificios máis nobres. A pesar da historia milenaria da cidade, as numerosas mezquitas, madrasas, minaretes e mausoleos datan na suá maioría da última etapa de Khiva como capital dun khanato independente, nos séculos XVIII e XIX. Isto débese principalmente a que as construccións de barro e arxila non soportaban ben as inclemencias do tempo e tiñan que ser reconstruidas ou moi restauradas cada certo tempo.

Interior do mausoleo de Pahlavan Mahmud

O primeiro que atrae a mirada dos visitantes é o minarete inacabado Kalta Minor. A intención do khan que promoveu a súa construcción era que chegara aos 70 m de altura, pero o proxecto foi abandoado trala morte deste.

A mezquita Juma é a máis antiga de Khiva, e aínda que na súa maioría data dunha reconstrucción do século XVIII, algunhas das columnas talladas de madeira que a sustentan son as orixinais do século X.

Os khans viviron no palacio fortificado coñecido como Kunya Ark ata 1830, cando se mudaron a un novo palacio no que traballaron máis de 1000 escravos. O harén, construido arredor dun patio, tiña cinco luxosas habitacións pertencentes ao khan e a cada unha das súas catro esposas, ademais doutras estancias onde vivían as concubinas.

Dormitorios de dúas das esposas
Dormitorio do khan
Yurta para invitados nómadas instalada no patio do salón de recepcións

Khiva conta con moitas madrasas que na actualidade serven como pequenos museos ou como tendas e talleres de artesáns. Unha delas alberga unha exposición sobre os homes de ciencia que naceron ou desenvolveron o seu traballo nesta rexión durante a Idade Media. Como Al-Jwarizmi, matemático do século IX considerado como o pai da álxebra, nome que deriva do título dunha das súas obras. Os términos algoritmo e guarismo son derivacións do seu nome.

Madrasa de Muhammad Rakhim Khan II
Maqueta do observatorio construido polo rei astrónomo Ulug Bek en Samarkanda

En Khiva concluiu a nosa visita a Uzbekistán, ese país hoxe descoñecido para moitos pero que durante tantos séculos acolleu a viaxeiros procedentes de todos os rincóns de Asia e Europa. Ese país tan remoto, pero que foi o centro dun dos maiores imperios de todos os tempos.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *