14 E 15 DE AGOSTO DE 2023
A monumentalidade de Samarkanda non remata na praza do Registán. A pesar de que o gran Imperio Timúrida construido por Tamerlán durou pouco máis dun século, foi tempo dabondo para engalanar a capital cos edificios máis espléndidos.
A mezquita de Bibi Khanum foi a maior do mundo no seu tempo, e o seu pishtak de 38 metros de altura todavía impresiona e empequenece a calquera que se achegue. Tamerlán pretendía que fora a xoia do seu imperio, e as crónicas da época contan que para a súa construcción se trouxeron 95 elefantes da India cargados de mármore.
Tamerlán morreu de neumonía no inverno de 1405 e foi enterrado no mausoleo que el mesmo mandara construir para un dos seu netos, falecido un ano antes. Posteriormente, tamén se enterraron neste mausoleo outros membros da dinastía timúrida, entre eles o monarca astrónomo Ulug Bek.
Segundo a tradición, foi un curmán do profeta Mahoma quen primeiro predicou a nova fe nesta rexión. Un día foi decapitado mentras rezaba e, en vez de morrer, recolleu a súa cabeza e saltou con ela dentro dun pozo onde continúa vivindo ata estes días. Arredor deste lugar, considerado moi sagrado no islamismo, construiuse unha necrópole coñecida como Shah-i-Zinda, que significa “Rei vivinte”. A necrópole conta con decenas de mausoleos, a maioría datados nos séculos XIV a XVI, cando os gobernantes timúridas comezaron a enterrar aos seus familiares neste lugar. Os mausoleos teñen unha decoración moi rica onde predominan os tonos azuis e están dispostos seguindo unha longa e estreita avenida que se estende por unha colina.
Algo alonxado do centro da cidade atopábase o observatorio astronómico de Ulug Bek, o mellor do mundo na súa época e onde se levou a cabo un preciso catálogo dos movementos das estrelas. O único que se conserva do observatorio é parte do arco cuadrante que se utilizaba para medir as coordenadas dos astros.
A nosa última visita na cidade foi un pequeno museo onde se expoñen os restos arqueolóxicos da cidade antiga, anteriores á destrucción de Gengis Khan. O máis destacable é un conxunto de pinturas murales do século VII que unha vez adornaron o salón do palacio dun príncipe da época na que Samarkanda era unha importante cidade da Sogdiana.
A pegada da etapa soviética tamén se deixa notar en Samarkanda. Non só na arquitectura dalgúns edificios da cidade moderna, senón sobre todo nos enormes parques e avenidas arboradas que sustituiron a moitos dos barrios humildes da cidade antiga. Agora pódese camiñar moi comodamente dun monumento a outro por avenidas rectilíneas e xardíns frescos e coidados, pero desta forma se perdeu parte do contexto histórico e do encanto de pasear por unha cidade milenaria.