27 E 28 DE DECEMBRO DE 2023

A historia do antigo Exipto divídese tradicionalmente en tres períodos de esplendor, coñecidos como Reinos Antigo, Medio e Novo, nos que todo o territorio estivo unificado baixo o mando dun único faraón. A cada un destes periodos de esplendor seguiulle un periodo intermedio onde non houbo un poder centralizado e os gobernantes locais fixéronse co poder nas súas áreas de influencia.

Durante o Reino Antigo, cunha cronoloxía aproximada do 2700 ao 2200 a.C, a capital de Exipto estableceuse en Menfis. Desta poderosa cidade apenas quedan algunhas ruinas, pero merece a pena visitar a súa inmensa necrópole real, coñecida como Saqqara. Aquí enterráronse varios faraóns nas súas pirámides e tamén os seus familiares e altos mandos noutro tipo de tumbas chamadas mastabas, unhas construccións que teñen como base un rectángulo e como teito outro rectángulo de menor tamaño, con muros laterais inclinados.

Algunhas destas mastabas eran enormes, en consonancia coa cargo do defunto enterrado nela. Tiñan moitas habitacións para diferentes membros da familia e para depositar ofrendas, e estaban decoradas con estatuas e relevos pintados con esceas da vida cotiá.

No ano 2650 a.C o faraón Djeser (ou Zoser) decidiu que el non se enterraría nunha simple mastaba de adobe, como fixeran os seus predecesores. Pediulle ao seu arquitecto Imhotep que lle construira unha tumba monumental, formada pola superposición de seis mastabas feitas enteiramente de pedra. O resultado foi unha pirámide escalonada, o monumento en pedra máis antigo do mundo.

Templo asociado á pirámide de Djeser
Estatua de Djeser que só podía ser vista a través dun pequeno buraco

Uns 50 anos despois, o faraón Sneferu tratou de perfeccionar o deseño e construiu dúas pirámides en Dashur, a uns poucos quilómetros de Saqqara. A primeira delas non lle quedou de todo ben: tivo que cambiar a inclinación das caras laterais á metade de construcción por motivos estructurais. Pero a segunda, coñecida como Pirámide Vermella, é a primeira pirámide auténtica xamáis construida.

Detalle dos bloques de pedra que forman a pirámide

Estas dúas pirámides pódense visitar por dentro, subindo e baixando empinadas rampas e atravesando longos e angostos corredores de pouco máis dun metro de altura. Finalmente, chégase ás antecámaras e a cámara funeraria propiamente dita, con teitos duns 15 metros de altura.

Antecámara

As pirámides construidas polos faraóns da Cuarta Dinastía, iniciada por Sneferu, supoñen os maiores logros arquitéctonicos do Reino Antigo e posiblemente de toda a historia exipcia. O culmen acadouse co fillo, o neto e o bisneto de Sneferu, constructores das famosísimas pirámides de Giza que visitaríamos o día seguinte.

As dinastías posteriores continuaron construindo pirámides, as veces utilizadas como tumbas e outras como cenotafios, pero a súa calidade decaeu moitísimo. Diminuiron de tamaño e comezaron a construirse de adobe cun revestimento exterior de pedra. Hoxe se conservan en moi mal estado e algunhas parecen un montón de escombros.

Exterior da pirámide de Unas (Quinta Dinastía)
Xeroglífico con nome de Unas, arriba á esquerda, encerrado nun óvalo coñecido como cartucho

Sen embargo, o seu interior agocha unha interesante innovación respecto ás grandes pirámides da Cuarta Dinastía. Éstas carecían de decoración, mentres que a partir da Quinta Dinastía as paredes de cámaras e corredores comenzaron a ser totalmente cubertos de textos xeroglíficos. Estes Textos das Pirámides eran textos rituales con conxuros e consellos para axudar ao faraón durante a súa travesía polo inframundo e para asegurar a súa vida eterna.

Interior da pirámide de Unas, coas paredes cubertas de xeroglíficos
Cámara sepulcral de Unas
Corredor da pirámide de Unas

A pesar de que a súa época dourada foi no Reino Antigo, a necrópolis de Saqqara continuou sendo utilizada durante toda a historia do Exipto faraónico. Un lugar moi curioso é o Serapeum, onde durante máis de mil anos foron enterrados as momias dos touros sagrados, Apis, nos seus enormes sarcófagos. O lugar quedou cuberto pola area, e só se sabía del por referencias de autores clásicos ata que en 1851 foi descuberto por un arqueólogo que se guiou polas indicacións dadas polo historiador grego Estrabón no ano 24 a.C.

Interior do Serapeum
Sarcófago dun touro sagrado

Ao día seguinte, despois de observar a evolución das pirámides en Saqqara e Dashur, tocaba visitar as máis emblemáticas de todas: as levantadas na meseta de Giza polos faraóns Khufu, Khafre e Menkaure, máis coñecidos polos nomes que lles deron os gregos de Keops, Kefrén e Micerinos.

Vista das pirámides desde o noso hotel en Giza

Khufu mandou construir a máis grande das pirámides arredor do ano 2570 a.C. , cunha altura de 146 m e unha base de 230 m lado. Usáronse máis de dous millóns de grandes bloques de pedra caliza e granito, que se transportaban polo Nilo aproveitando que durante a inundación anual o río chegaba case ao pé das pirámides.

Empregáronse na súa construcción decenas de miles de traballadores moi ben organizados pola administración do faraón, que non eran escravos como antes se pensaba, senón agricultores que na época de inundación quedaban desocupados.

Pirámide de Khufu, única das sete marabillas do mundo antigo que se conserva
Pirámides satélite e restos de templos do complexo da Gran Pirámide de Khufu
Pirámide de Khafre
Pirámide de Menkaure acompañada de tres pequenas pirámides das súas esposas

O complexo funerario non estaba formado só pola pirámide, senón que contaba ademáis con dous templos unidos por unha calzada cuberta. Un dos templos estaba pegado á pirámide e o segundo situábase na parte baixa da meseta e se conectaba co Nilo a través dunha canle. Só se conservan medianamente ben os templos do complexo funerario de Khafre, que conta ademáis con outro dos monumentos icónicos de Exipto: a Gran Esfinxe de Giza.

Esta portentosa escultura, con corpo de león e cabeza do faraón Khafre, abraiou aos viaxeiros durante os seus 45 séculos de existencia. A nós tamén, como non podía ser menos.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *