30 E 31 DE DECEMBRO DE 2023 E 1 DE XANEIRO DE 2024
A fronteira sur do antigo Exipto viña marcada pola primeira catarata do Nilo, situada en Asuán. O río era navegable desde esta catarata ata a súa desembocadura no Mediterráneo, uns 1000 km máis ao norte, e isto foi o que delimitou o territorio da civilización exipcia durante a maior parte da súa historia. Ao sur da primeira catarata atopábase Nubia, outra grande nación coa que guerrearon e comerciaron os exipcios.
Para demostrar o seu poder sobre os nubios, Ramsés II construiu dous magníficos templos excavados na roca arredor do ano 1250 a.C. Os templos de Abu Simbel, a escasos quilómetros da actual fronteira con Sudán, son unha boa mostra da megalomanía deste faraón. Catro colosales estatuas súas, de 20 metros de altura, custodian a entrada ao templo.
As paredes interiores están cubertas con baixorelevos do faraón victorioso ante os seus inimigos. A famosa batalla de Qadesh ante os hititas, que en realidade acabou en empate coa firma dun tratado de paz, aparece aquí representada como un grande victoria de Ramsés II.
As oito columnas que sosteñen o teito da sala principal teñen adosadas estatuas do faraón representado como Osiris, deus de ultratumba, cos brazos cruzados sobre o peito na pose característica desta divinidade.
Ao lado do seu templo, Ramsés II construiu outro máis pequeno para a súa esposa favorita, Nefertari, que aparece nalgúns relevos coa forma da deusa Hathor, co disco solar entre os seus cornos de vaca.
A area do deserto acumulada durante séculos ocultou os templos de Abu Simbel ata 1813, ano en que foron descubertos por un explorador suízo. Só emerxía da area a cabeza completa dunha das estatuas e as coroas doutras dúas.
Cando se proxectou a presa alta de Asúan nos anos 60, os templos de Abu Simbel e moitos outros da zona estaban condenados a quedar baixo as augas do encoro. Grazas a un proxecto no que colaboraron en distinta medida máis de 50 países, a maioría destes templos foron trasladados a ubicacións próximas situadas a maior altura para salvalos das augas. Para iso, cortáronse en enormes bloques e se reconstruiron tratando de imitar o entorno orixinal.
Ao día seguinte visitamos outro destes templos reubicados, o de Filae, situado nunha pequena illa á que chegamos tras unha dura negociación cos barqueiros que controlan a zona.
Adicado á deusa Isis, é moi posterior á época de Ramsés II, pois foi construido e ampliado durante o periodo grecorromano.
Este periodo, última fase da antiga civilización exipcia, comezou cando Alexandro Magno chegou a Exipto en 332 a.C. para vencer aos invasores persas que dominaban un país en decadencia. Foi moi ben recibido polos exipcios, que o consideraron un libertador, pois respetou a súa cultura e mandou construir novos santuarios aos antigos deuses, onde se representou a si mesmo como faraón. Ao morrer Alexandro, o seu xeneral Ptolomeo iniciou unha dinastía que gobernaría Exipto ata o ano 30 a.C, no que o país se converteu nunha provincia romana trala derrota de Cleopatra e Marco Antonio.
Cando no ano 380 d.C o emperador Teodosio fixo do cristianismo a relixión oficial do imperio romano, os lugares de culto paganos comezaron a ser abandoados. O templo de Filae foi o último reducto da relixión exipcia, pois nel seguiuse venerando a Isis ata ben entrado o século VI. Ademáis, nas paredes deste templo gravouse a última inscripción xeroglífica coñecida, poñendo fin a unha escritura utilizada durante 3700 anos e que caeu no esquecemento, tornándose indescifrable ata o descobremento da pedra Rosetta.
O resto do día adicámolo a pasear por Elefantina, unha das numerosas illas que hai nesta zona do Nilo, onde estivemos aloxados. Moitos dos habitantes desta illa son nubios que perderon as súas casas tras a construcción da presa e tiveron que trasladarse máis ao norte. Finalizamos o día nunha illa cercana convertida en xardín botánico, con boas vistas desta preciosa zona do río.
Marchamos de Asuán en taxi con destino a Luxor, uns 200 km ao norte. De camiño, paramos nos templos de Kom Ombo e Edfú, ambos de época ptolemaica.
O templo de Kom Ombo estaba adicado aos deuses Sobek, representado con cabeza de cocodrilo, e Horus, con cabeza de falcón.
Había un estanque no que se criaban os cocodrilos sagrados que agora poden verse momificados nun pequeno museo.
No templo de Edfú, construido entre 237 e 57 a.C, pódese observar moi ben o deseño tradicional dos templos exipcios. Os faraóns ptolemaicos, a pesar da súa orixe e cultura helenística, continuaron coas tradicións arquitectónicas e ornamentais dos exipcios, xa milenarias cando eles chegaron ao país.
Unha monumental porta de entrada, chamada pilón, da acceso a un patio con columnas, seguido de dúas salas hipóstilas e varias antecámaras antes de chegar o santuario do deus titular do templo, neste caso Horus.