2 XANEIRO DE 2024
O mito de Osiris é o máis coñecido de todos os que conformaban a relixión exipcia, pois aparece representado e relatado en moitos templos e monumentos funerarios.
Segundo este mito, Osiris era un gobernante xusto que foi asesinado e despedazado polo seu irmán Seth, representante do caos e a maldade. Isis, irmá e esposa de Osiris, percorreu Exipto convertida en falcón ata que conseguiu atopar e reunir os anacos do seu marido. Con axuda de Anubis, deus do embalsamamento, conseguiu restaurar o cadáver e, desta forma, Osiris converteuse na primeira momia. Isis e Osiris conciben ao seu fillo Horus, quen posteriormente vengará ao seu pai e se convertirá en rei. A partir deste momento, Horus gobernará sobre os vivos como deus do ceo e Osiris sobre os mortos como deus do Máis Alá.
Durante o seu reinado, o faraón identificábase con Horus como rei dos vivos, pero ao morrer pasaba a identificarse con Osiris como rei do inframundo.
Desde tempos remotos, o principal centro de culto a Osiris situouse en Abydos, pois neste lugar é onde supostamente Isis atopou a cabeza do seu marido. No século XIII a. C, o faraón Seti I encargou aquí a construcción dun templo adicado tanto a Osiris como a si mesmo.
Seti I morreu antes de que se rematara o templo e este foi completado polo seu fillo e sucesor Ramsés II. Pai e fillo aparecen nos muros do templo acompañados dos deuses, e moitos destes relevos conservan a policromía orixinal.
Nun corredor lateral do templo atópase gravada a coñecida como “Lista Real de Abydos” cos nomes dos faraóns que antecederon a Seti I desde o inicio da Primeira Dinastía. Aínda que Seti omitiu os nomes dalgúns faraóns que consideraba usurpadores, esta lista foi fundamental para o coñecemento da historia exipcia.
Abydos atópase uns 170 km ao norte de Lúxor, e para poder chegar ata alí contratamos un taxista durante un día completo. De camiño, paramos noutro templo moito máis recente que o anterior pero tamén espectacular.
O templo adicado a deusa Hathor en Dendera foi construido 1300 anos despois do templo de Abydos, xa no final da época faraónica, xusto antes de que Exipto se convertera en provincia romana. De feito, completouse na súa maioría durante o reinado da famosa Cleopatra. Nunha das paredes exteriores hai un relevo dela acompañada polo fillo que tivo con Xulio César, de nome Cesarión.
Hathor é unha das principais deusas do panteón exipcio, e incluso a veces se sincretiza con Isis. Normalmente represéntase como unha muller con cornos de vaca e un disco solar, aínda que nos capiteis das columnas aparece con orellas de vaca pero sen cornos.
Se as columnas da primeira sala hipóstila do templo son preciosas, a pesar de que os capiteis foron moi danados polos cristiáns, o que verdadeiramente nos deixou coa boca aberta foi o seu teito astronómico. Centos de detalles nos explican como entendían os exipcios as constelacións e a traxectoria do sol ao longo do día. A deusa Nut, co corpo arqueado cheo de estrelas, representa a bóveda celeste. Todos os días daba á luz ao sol, que viaxaba polo ceo ata chegar á boca da deusa, quen o tragaba e o paría de novo o seguinte amencer.
Nunha das constelacións pode verse o combate de Horus co seu tío Seth. Horus arponea a Seth, representado como un touro que equivale a nosa Osa Maior. Isis, en forma de hipopótamo cun cocodrilo ao lombo, suxeita unha pata do touro cunha cadea.