4 DE XANEIRO DE 2024
Ao mesmo tempo que Tebas se converteu na capital de Exipto durante o Reino Novo, tamén o seu deus local, Amón, pasou a ser o máis importante de todos os deuses. Tomou moitos dos atributos de Ra, deus solar que era a principal deidade ata ese momento, e acabaron por fusionarse como Amón-Ra.
Os sacerdotes de Amón acumularon poder e influencia, e incluso chegaron a gobernar no sur de Exipto en épocas de decaemento do poder faraónico. Durante 1500 anos, o lugar de culto máis importante do país situose no complexo de templos de Karnak, residencia de Amón na terra.
Ao longo dos séculos, decenas de faraóns gastaron fortunas para obter o favor do deus e do seu clero, engadindo partes novas, reconstruíndo outras, decorando muros e columnas, levantando estatuas e obeliscos … O resultado foi un dos complexos relixiosos máis grandes do mundo, con dous quilómetros cadrados de superficie, onde ademáis do templo de Amón, se construiron tamén templos para a súa esposa e o seu fillo, Mut e Khonsu.
O recinto conta con dez pilóns ou portas monumentais características dos templos exipcios, pero o máis impresionante é a Gran Sala Hipóstila, con 134 columnas que simbolizan un bosque de papiros que emerxe das augas primordiais. As columnas do corredor central, máis elevadas, recibían a luz do sol e por iso os seus capiteis representaban prantas abertas, mentras que o resto das columnas, situadas na penumbra, tiñan os capiteis como prantas pechadas.
Diante dos pilóns de entrada dos templos soían colocarse parellas de obeliscos feitos dun só bloque de pedra duns 30 metros de altura. No ano 357, o emperador romano Constancio II fixo transportar polo Nilo dous obeliscos do templo de Karnak ata Alexandría, para despois levar un deles ao Circo Máximo de Roma e o outro ao Hipódromo de Constantinopla. Todavía poden verse hoxe nestas dúas cidades, o de Roma agora situado na praza de San Xoán de Letrán e o de Estambul no mesmo lugar onde o colocaron os romanos tras unha serie de percances que xa contamos noutro post. En Roma hai, ademais, outros sete obeliscos procedentes de distintos templos que foron trasladados á capital do Imperio nos tempos nos que Exipto era unha provincia romana.
En Karnak tan só quedan tres obeliscos en pé, aínda que un deles foi levantado recentemente despois de levar séculos caído.
A festa do Opet era a maior celebración relixiosa que tiña lugar en Tebas, durante a cal Amón, acompañado por esposa e fillo, visitaba o templo de Luxor, situado a 3 km do de Karnak. As estatuas dos deuses trasladábanse en barcas e unha procesión percorría a avenida de esfinxes que unía os dous templos. O faraón recibía a Amón cando chegaba ao templo, reforzando así o vínculo existente entre eles.
O templo de Luxor é moito máis pequeno que o de Karnak e conta cun só pilón de entrada. Ante él, erguíanse seis estatuas colosales de Ramsés II, das que hoxe permanecen catro, e dous obeliscos de 25 metros de altura. Só un deles continúa no seu sitio, pois a seu xemelgo foi levado a París no século XIX e adorna desde entonces a Praza da Concordia.
Na cidade de Luxor hai dous pequenos pero interesantes museos, un con estatuas e relevos procedentes na súa maioría dos templos da cidade, e outro adicado ao arte da momificación.