3 DE XANEIRO DE 2024
A antiga cidade de Waset, chamada Tebas polos gregos e actualmente Luxor, foi a capital de Exipto durante o Reino Novo, etapa que durou aproximadamente desde o 1550 ata o 1070 a.C.
Os faraóns deste periodo, pertencentes ás dinastías 18, 19 e 20, elixiron como lugar de enterramento un val escondido na montaña que domina a orilla oeste do Nilo.


Excavaron as súas tumbas na rocha, con longos corredores e escaleiras e varias salas amplias que antecedían á cámara sepulcral. As paredes e os teitos decorábanse con xeroglíficos e relevos pintados con temáticas relativas á viaxe que o defunto faraón debía facer polo Máis Alá.







Algunhas destas tumbas foron visitadas na Antigüedade por turistas gregos que deixaron constancia do seu paso facendo inscricións nas paredes. Co paso do tempo, as entradas de moitas das tumbas quedaron bloqueadas por derrubios da montaña ou pola area do deserto e acabaron sendo esquecidas durante séculos. As poucas que quedaron abertas, desprovistas xa dos seus tesouros, foron ignoradas polos lugareños.





A partir da expedición napoleónica na zona no ano 1799, o Val dos Reis comezou a despertar moitísimo interese en Europa. Sucedéronse numerosas excavacións durante os séculos XIX e principios do XX nas que se localizaron decenas de tumbas reais. Os obxectos achados nas tumbas acabaron en mans de coleccionistas e museos europeos ou norteamericanos, pois a lei establecía que o excavador podía quedarse coa metade do atopado. Isto cambiou a partir de 1920, cando o director do Servizo de Antigüedades Exipcio decidiu que se quedaran no país todos os obxectos de valor.






Nesa época xa se descobriran as tumbas da maioría dos faraóns do Reino Novo, pero faltaban algunhas por atopar, entre elas a de Tutankhamon. O arqueólogo Howard Carter levaba anos traballando en Exipto, obsesionado con atopala. Patrocinado polo aristócrata inglés Lord Carnavon, levou a cabo varias campañas de excavación no Val dos Reis con escasos resultados. Isto acabou por desanimar a Carnavon, quen comunicou a Carter que a campaña de finais de 1922 e inicios de 1923 sería a última que sufragaría.
O 4 de novembro de 1922, Howard Carter desenterra os primeiros escalóns de acceso a unha tumba. Levoulle varios días vaciar de escombro a escaleira e o corredor de 8 m de longo e 2 m de altura que viña despois. Máis alá do corredor, agardábao un dos maiores descobrementos da historia da arqueoloxía: catro cámaras repletas de tesouros ás que ninguén entrara en 3300 anos.
Tamén estaban intactos catro sarcófagos de madeira, encaixados un dentro doutro, e no interior deles aínda outro sarcófago de pedra que contiña tres ataúdes con forma de momia, tamén encaixados como bonecas rusas. O máis interno destes ataúdes era de ouro macizo e contiña a momia de Tutankhamón coa famosa máscara de ouro.



Contrariamente ao que pensabamos nós antes de documentarnos para esta viaxe, a tumba de Tutankhamón non se atopou intacta, senón que foi saqueada en dúas ocasións poucos anos despois do enterramento. Os ladróns revolveron todo e levaron os obxectos de valor que podían ser transportados facilmente, deixando no seu sitio os máis pesados. Uns anos máis tarde, os escombros e derrubios procedentes da construcción dunha tumba próxima para outro faraón selaron completamente a tumba ata a chegada de Howard Carter.
O tesouro de Tutankhamón está exposto na súa maioría no Museo Exipcio do Cairo, mentras que a momia está aínda na súa tumba.
Coñécense actualmente 64 tumbas no Val dos Reis, non todas elas completamente excavadas. As labores arqueolóxicas, de conservación e investigación continúan e non se descarta que haxa todavía algunha tumba por descobrir.




Adicamos seis horas a visitar as 13 tumbas que estaban abertas ao público e despois achegámonos á casa que utilizaba Howard Carter durante as campañas de excavación.

Finalizamos o día visitando os templos funerarios de Hatshepsut, Seti I e Ramsés II. Nos templos funerarios levábase a cabo o culto ao faraón deificado despois da súa morte e se situaban en lugares ben visibles e accesibles, ao contrario que as tumbas que se facían en lugares escondidos para evitar aos saqueadores.
Hatshepsut foi unha das poucas faraonas que gobernaron o antigo Exipto con plenos poderes. O seu templo funerario é o máis coñecido e visitado de Luxor pero a nós resultounos bastante decepcionante pois da a sensación de ter sido demasiado reconstruido.

Os templos funerarios de Seti I e Ramsés II non se atopan en tan bo estado de conservación como outros templos que vimos en días anteriores destes mesmos faraóns, pero un paseo polas milenarias e solitarias ruinas foi unha forma agradable de finalizar un día de intensas visitas.


