29 DE DECEMBRO DE 2023 E 6 DE XANEIRO DE 2024
O Museo Exipcio do Cairo inaugurouse en 1902 para albergar á sempre crecente colección de obxectos atopados nas numerosas excavacións arqueolóxicas que se levaban a cabo nesa época. A pesar de ter un tamaño considerable, revelouse insuficiente apenas dúas décadas despois da súa inauguración debido aos grandes descubrimentos que tiveron lugar neses anos, entre eles o enorme tesouro de Tutankhamón. Está prohibido sacar fotos na sala onde se expoñen o ataúde de ouro macizo e a célebre máscara do faraón, pero non no resto das salas.
A colección do museo é fabulosa, pero a maioría de obxectos parecen amontoados en vitrinas escasamente iluminadas, con carteis anticuados e pouco informativos. Está previsto o traslado de parte da colección a un novo museo que está a punto de inaugurarse en Giza.
En 2021 levouse a cabo con moita pompa un desfile no que se trasladaron 22 momias de faraóns e reinas desde o Museo Exipcio ao novo Museo Nacional da Civilización Exipcia, onde se expoñen agora nun espazo moderno e acorde á súa dignidade. Non se poden sacar fotos das momias, pero estivemos cara a cara con Hatshepsut, Seti I, Ramsés II e moitos outros soberanos cuxas obras admiramos unha e outra vez nas dúas semanas que pasamos en Exipto.
Neste museo puxemos fin ás visitas relacionadas co antigo Exipto, pero aínda nos quedaba outra historia máis recente por descubrir.
A derrota de Cleopatra e Marco Antonio ante Octavio Augusto no 31 a.C. e a conseguinte conversión de Exipto nunha provincia romana supuxo o fin do período faraónico. A civilización exipcia, que se desenvolvera ao longo de 3500 anos, perdeu a súa independencia política e cultural. O seu destino quedou ligado ao do Imperio Romano e, trala división deste en dúas metades e a posterior caída da parte occidental, ao do Imperio Bizantino.
O cristianismo extendeuse por Exipto igual que polo resto do Imperio e todavía hoxe arredor dun 10% da poboación do país profesa esta fe. Os cristiáns de aquí pertencen á Igrexa copta, separada da romana e da ortodoxa desde o século V por discrepancias teolóxicas. A súa máxima autoridade relixiosa é o Patriarca de Alexandría e na liturxia utilizan o idioma copto, descendente do que falaban os antigos exipcios.
Os exércitos árabes conquistaron Exipto e outras rexións do Imperio Bizantino arredor do ano 640, pouco despois da morte de Mahoma. Foron eles quenes fundaron e converteron en capital a cidade do Cairo, ou Al-Qahira en árabe, que significa “a victoriosa”.
Os gobernantes islámicos embeleceron a capital con mesquitas e madrasas, pazos, fontes e baños públicos e a converteron nun importante foco económico. Esta cidade medieval está recoñecida como Patrimonio da Humanidade pola boa conservación non só dos seus monumentos senón tamén dos seus barrios e trazado urbano.
Na área metropolitana do Cairo viven na actualidade máis de 20 millóns de persoas. O caos que reina nesta megaurbe é case imposible de describir: non parece haber normas de tráfico e cada un fai o que lle da a gaña confiando en que os outros conductores frenen. Para evitar os golpes teñen que ir advertindo continuamente da súa presencia mediante pitidos, convertendo o ruido das bocinas na banda sonora da cidade. Os peóns son un elemento máis do tráfico e circulan entre os coches con toda naturalidade, o mesmo que fan os burros que tiran de carros cargados de mercancías. Por suposto, ninguén usa cinto de seguridade nin casco nas motos.
Todo é ruido e desorden, suciedade e contaminación dos tubos de escape. A experiencia de pasear pola rúa é estresante pero ao mesmo tempo un non pode deixar de sentirse atraído por tanto bulicio e anarquía. O caos desta cidade abruma e fascina a partes iguais.
Así acabou unha viaxe que en 15 días nos permitiu admirar unha das civilizacións máis antigas do mundo, cunha historia de cinco milenios da que dan testemuña magníficas obras mestras.