9, 10, 11, 12 E 13 DE AGOSTO DE 2024
O plan da nosa viaxe por Austria centrouse principalmente en facer excursións de alta montaña pola cordilleira alpina, nas rexións de Vorarlberg e Tirol. En anos anteriores xa tivéramos a oportunidade de percorrer os Alpes franceses, suízos, italianos e eslovenos e decidimos que era un bo momento para visitar o único país alpino que nos quedaba por coñecer.
Escollemos varias rutas esixentes a nivel físico por ter desniveis de máis de 800 metros pero sen dificultade técnica, é dicir, que non precisan de equipamento específico como cordas, arneses, piolets…
O denominador común de todas elas inclúe fabulosas vistas a picos de máis de 3000 metros, glaciares, vales, lagoas, torrentes e fervenzas. A vexetación é escasa debido a gandería de montaña que segue tendo moita importancia económica nesta rexión. Tampouco é fácil ver fauna salvaxe, a excepción das marmotas que habitan nas zonas altas e alertan da nosa presencia as súas compañeiras emitindo fortes asubíos.
Fixemos tamén algunha excursión máis sinxela en zonas baixas, como a que nos levou a coñecer de preto as cataratas de Krimml, que caen 380 metros e teñen moitísimo caudal en verán a causa do desxeo.
Unha estrada panorámica, con 36 curvas de 180º, permite acceder ás paisaxes da alta montaña sen necesidade de camiñar. Ao longo dos seus 43 km repártense varios miradoiros que permiten observar, entre outros moitos picos, a cima máis alta de Austria: o Großglockner, de 3800 metros de altura.
Desde un destes miradoiros pódese apreciar perfectamente o retroceso dos glaciares debido ao quecemento do planeta. O glaciar Pasterze perdeu a metade do seu volume nos últimos 150 anos e se calcula que desaparecerá por completo dentro dun século. Hai un camiño que leva desde o miradoiro ata o pé da lingua glaciar e uns carteis van indicando ata onde chegaba esta lingua hai tan só uns poucos anos.
Adicamos unha mañá a pasear polo casco antigo de Innsbruck, a capital do Tirol e único núcleo urbano de importancia nesta rexión.