18 DE AGOSTO DE 2024
En agosto de 1938, pouco despois da anexión de Austria ao III Reich, abriuse en Mauthausen un campo de concentración contiguo a unha canteira de granito propiedade das SS. Os prisioneiros eran principalmente opositores políticos e ideolóxicos ao réxime nazi que foron obrigados a traballar na canteira e na construción do campo. A partir de 1942, xa en plena guerra, os presos comezaron a ser empregados na industria bélica, principalmente na creación de fábricas subterráneas para evitar os ataques aéreos. Para isto, creáronse numerosos subcampos dependentes de Mauthausen e aumentou moitísimo o número de presos. O maior destes subcampos foi o de Gusen, situado a 5 km.
No último ano da guerra comezaron a chegar a Mauthausen miles de presos evacuados dos campos de concentración situados no este de Europa. Moitos deles eran xudeus, que ata ese momento fora un colectivo minoritario en Mauthausen. Tamén chegaron as primeiras mulleres e nenos. Nos barracóns, concibidos para aloxar a 300 persoas cada un, chegaron a amontoarse ata 2000 presos.
As condicións de traballo e o trato aos prisioneiros eran moi duros, e como consecuencia a taxa de mortalidade moi elevada. A sobreexplotación, á escaseza da comida, o frío e a falta de atención médica provocaron moitas mortes, pero ademais miles de presos foron asasinados a tiros, a golpes, aforcados, con inxeccións letais ou nas cámaras de gas.
En Mauthausen e os seus subcampos perderon a vida máis de 90000 persoas de moitas nacionalidades diferentes, entre eles 5000 republicanos españois. Foi o último campo de concentración en ser liberado polos aliados o día 5 de maio de 1945.
Aínda que a maioría dos barracóns dos presos e dos membros das SS foron desmantelados nos anos seguintes á liberación, mantivéronse moitas das construcións principais do campo. A visita faise seguindo unha excelente audioguía que pon en contexto cada un dos edificios e estruturas, e as declaracións e testemuñas de varios superviventes axudan a comprender o horror do que alí se viviu.
Hai tamén un pequeno museo con obxectos e fotografías orixinais e explicacións moi completas nas que se aborda a historia do campo desde varias perspectivas: a ideoloxía nazi, a evolución da guerra, a vida dos presos … Cóntase como os nazis trataron de destruír as probas dos crimes cometidos antes de fuxir, e como a maioría deles nunca foron condenados polo que fixeron.
Os negativos escondidos polo preso catalán Francisco Boix, quen traballou como fotógrafo en Mauthausen, aportaron moita información sobre as inhumanas condicións de vida, sobre os asasinatos e sobre a implicación da xerarquía nazi no funcionamento dos campos. Usáronse como proba nos xuízos de Nuremberg para inculpar a altos cargos que negaban saber o que ocorría nos campos de concentración.