14, 15, 16 E 17 DE AGOSTO DE 2024

Eisriesenwelt é unha cova con 42 km de galerías e entradas a diferentes alturas nas que se produce un efecto cheminea que provoca fortes correntes de aire. Durante o inverno, o vento xélido do exterior penetra na cova e arrefría as zonas inferiores desta por debaixo dos 0 ºC. Cando a auga de desxeo se cola na cova a través de fisuras na rocha e chega a estas partes frías, conxélase de inmediato formando magníficas esculturas de xeo.

Visitar esta marabilla natural é un proceso complexo. Primeiro hai que camiñar montaña arriba para coller un teleférico, que en poucos minutos salva uns 500 m de desnivel. Despois aínda hai que subir a pé outros 20 minutos ata a entrada da cova, cerrada con grosas portas de aceiro. Un vez alí, a pesar de ser un día caloroso, toca abrigarse ben para o frío que espera no interior. En canto o guía abre a porta para entrar, a diferencia de temperatura provoca un vento furacanado que dificulta manterse en pé e que non cesa ata que se volve cerrar a porta. Iníciase así o percorrido que, a través de 1 km de pasarelas e 1400 chanzos, nos permitirá coñecer este mundo de xeo subterráneo.

A abundancia de minas de sal fixo moi próspera á rexión de Salzburgo, que estivo gobernada por príncipes-arcebispos independentes e non formou parte de Austria ata o século XIX. O poder destes arcebispos queda patente ao visitar a enorme fortaleza de 900 anos que domina a cidade, ou algún dos pazos posteriores que lles serviron de residencia. O diñeiro procedente do sal serviu para embelecer a cidade e levantar igrexas e prazas segundo o gusto barroco.

Estufa de cerámica nun salón da fortaleza
Xardíns do pazo Mirabell coa fortaleza ao fondo

Getreidegasse, a principal rúa do centro histórico, é famosa por ser o lugar de nacemento de Mozart, pero tamén porque cada comercio ten un letreiro de ferro forxado que sobresae da fachadas.

Algo lonxe da zona turística atopamos un lugar que é toda unha institución entre os salzburgueses: a Augustinerbräu – Kloster Mülln ou cervexería dos agustinos. Os monxes comezaron a elaborar cervexa neste lugar en 1621 e agora é a maior cervexería de toda Austria, con capacidade para 900 persoas nos seus salóns interiores e para outras 1400 no xardín. Chegamos alí a media tarde e o xardín estaba cheo de grupos de amigos e de familias desfrutando do bo tempo. Non hai servizo de mesas, senón que cadaquén colle unha xarra do tamaño desexado nunha estantería, a enfría nunha fonte de auga e pide que lla enchan de cervexa. Quen queira comer algo, pode traelo da casa ou compralo nalgún dos postos de especialidades austríacas que hai nun corredor. As salchichas que probamos nós estaban ben boas.

Na rexión próxima a Salzburgo hai decenas de lagos, algúns pequenos e solitarios e outros grandes con varias vilas na súa ribeira. De todos eles, o máis coñecido e visitado é o de Hallstatt. Hai constancia da explotación dos xacementos de sal neste lugar desde a prehistoria, e o achado dunha grande necrópole dos anos 800-400 a.C fixo que a primeira Idade do Ferro sexa coñecida como a cultura de Hallstatt.

A vila de Hallstatt no lago do mesmo nome
Lago Hallstatt
Lago Gosau
Neste rincón do Lago Wolfgang viviu Karl von Frisch, gañador do Nobel polo seu estudo da danza das abellas
Un grupo de mulleres co traxe tradicional na vila de St. Wolfgang

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *