19 E 20 DE AGOSTO DE 2024
Cando planeamos a viaxe non tiñamos claro se nos apetecía ir a Viena, pois queda case 300 km ao leste da zona dos Alpes e pola información que tiñamos non nos parecía demasiado atractiva. Resolvemos que xa decidiríamos unha vez en Austria dependendo do cansos que estivésemos e do tempo que nos quedase dispoñible. Finalmente, a decisión que tomamos foi visitar a capital austríaca e de paso coñecer tamén o val do río Danubio ao seu paso polo país.
O Danubio é navegable desde Alemania ata a súa desembocadura no Mar Negro en Romanía, practicamente toda a súa lonxitude de máis de 2500 km. Isto propiciou que o seu val tivese desde sempre unha enorme importancia estratéxica e na súa ribeira se construíron vilas e cidades, fortificacións e abadías. En Austria, un pequeno tramo do val coñecido como Wachau foi declarado Patrimonio Mundial pola combinación de beleza paisaxística e histórica.
Viena resultou ser tan insípida como esperabamos. A dinastía dos Habsburgo, que gobernou os territorios austríacos durante 700 anos, residiu nela de forma permanente desde o século XVI, aínda que non foi ata principios do XVIII cando comezou a súa idade dourada. Neste momento produciuse a explosión da ostentosa arquitectura barroca que caracteriza á cidade. Recoñecemos que a uniformidade do estilo pode darlle un aire elegante ás rúas e prazas, pero para o noso gusto é demasiado formal e monótono.
O esplendor dos Habsburgo pode comprobarse nas dúas residencias que tiñan en Viena: o enorme palacio Hofburg no centro da cidade e o Palacio Schönbrunn nas aforas.
Nós visitamos o interior e os xardíns do segundo deles, que actuaba como residencia de verán da familia imperial. O pequeno Mozart deu aquí o seu primeiro concerto ante a realeza con só 6 anos de idade.