22 DE DECEMBRO DE 2024
Iniciamos a nosa viaxe por Grecia no que quizáis sexa o símbolo máis recoñecido da cultura occidental, o lugar onde se encarna o legado dunha civilización que sentou as bases da política, o pensamento e as artes.
A Acrópolis destaca sobre Atenas na cima dunha colina rochosa, ben visible desde case calquera punto da cidade. Era o lugar máis sagrado onde se ubicaban os principais templos e onde remataba a procesión das Panateneas, as festas anuais dedicadas a Atenea, protectora da cidade. Durante as festas tiñan lugar competicións musicais, poéticas e deportivas e se celebraban grandes banquetes coa carne dos animais sacrificados en honor á deusa.


No ano 480 a. C. os persas dirixidos por Xerxes I invadiron Grecia. O seu intento de conquista acabou fracasando debido a resistencia que opuxeron as cidades gregas lideradas por Atenas e Esparta, pero o exército persa arrasou a Acrópolis e os seus templos foron totalmente destruidos.
Na segunda metade do século V a. C., conxurada xa a ameaza persa, Pericles emprendeu un ambicioso plan de edificación. Non escatimou en gastos e contratou aos mellores arquitectos e escultores para exaltar a gloria e o poder de Atenas. Como resultado, na Acrópolis construíronse magníficos templos ricamente decorados, entre os que destacaba o Partenón, que albergaba unha colosal estatua de Atenea de ouro e marfil.


Os monumentos que se poden ver hoxe na Acrópolis son as ruinas destes edificios 2500 anos despois. A pesar do maltrato do tempo e da rapiña levada a cabo por coleccionistas de arte estranxeiros, todavía impoñen respecto coa súa presencia e relevancia.





Un moderno museo expón os obxectos achados na Acrópolis, desde esculturas que formaban parte dos templos destruídos polos persas ata estatuas ofrendadas á Atenea. A planta superior do museo está dedicada por completo ao Partenón e mostra as esculturas dos frontóns, as metopas e o friso corrido de 160 m que circundaba a cámara interior do templo.


Intercaladas coas orixinais, hai réplicas de xeso das pezas expoliadas por Lord Elgin a principios do século XIX e que hoxe se expoñen no Museo Británico. Grecia leva décadas solicitando a súa devolución para reunificar a decoración supervivente do Partenón, pero polo momento as negociacións co goberno británico non prosperaron.