23 E 24 DE DECEMBRO DE 2024

Nas ladeiras do monte Parnaso, uns 200 km ao norte de Atenas, atopábase o santuario máis importante da antiga Grecia. A el acudían peregrinos procedentes de todo o mundo grego para consultar o seu célebre oráculo, voceiro do deus Apolo. Non só acudían individuos particulares para inquirir sobre asuntos privados, tamén as cidades-estado enviaban delegacións oficiais cada vez que tiñan que tomar unha decisión política relevante.

A función principal do oráculo non era adiviñar o futuro senón aconsellar sobre cuestións diversas. As respostas eran moitas veces ambiguas e cada facción política trataba de buscarlle a interpretación que mellor se adaptase os seus propósitos. A fama de infalible que tiña o oráculo proviña, en parte, desa ambigüedade, xa que calquera erro podía atribuírse a unha mala interpretación da resposta. Pero tamén era certo que o oráculo podía aconsellar sabiamente baseándose na amplísima información da que dispoñía, recabada da multitude de viaxeiros de todas as procedencias que pasaban polo lugar.

Templo de Apolo, onde se ubicaba o oráculo
Inscricións nos muros do templo de Apolo
Templo de Apolo

Os antigos gregos creían que en Delfos estaba o centro do mundo, custodiado por unha gran serpe chamada Pitón. Apolo matou a serpe para poder fundar o seu oráculo nese lugar, e as sacerdotisas que transmitían as palabras do deus foron coñecidas como pitias ou pitonisas.

Unha pedra cónica sinalaba o centro do mundo. Esta é unha das moitas copias que había en Delfos.

Para acceder ao templo de Apolo e poder consultar á pitia, os viaxeiros debían ascender por unha calzada de pedra flanqueada por estatuas e por pequenos edificios que as cidades construían para gardar os tesouros e ofrendas que facían ao santuario. Durante a época de máximo esplendor do santuario, entre os séculos VIII e II a. C, as riquezas acumuladas foron enormes. Grandes reis e conquistadores, como Alexandro Magno, consultaron co oráculo e fixeron xenerosas doazóns.

Batalla entre os deuses e os xigantes no friso do Tesouro dos Sifnios
Esfinxe doada pola illa de Naxos ao Santuario de Delfos

No santuario de Delfos celebrábanse os prestixiosos Xogos Píticos, nos que participaban competidores de toda Grecia, ao principio cada 8 anos e despois cada 4, alternándose cos Xogos Olímpicos. Había probas deportivas no estadio e certames literarios e musicais no teatro. No museo do xacemento exponse a estatua de bronce dun auriga vencedor da carreira de cuádrigas.

Estadio
Teatro
Auriga de Delfos

A partir da dominación romana de Grecia, no século II a. C, Delfos comezou a perder influencia política a pesar de seguir recibindo visitantes. Aínda que algúns gobernantes romanos respetaron o santuario e erixiron estatuas nel, outros saquearon os seus tesouros. No século IV, o emperador Constantino levou a Constantinopla a columna serpentina de bronce que se levantaba diante do templo de Apolo. En Delfos pode verse agora unha réplica, mentras que a orixinal continúa en Estambul.

Réplica da columna serpentina frente ao templo de Apolo

Tras séculos de decadencia, o santuario de Apolo en Delfos clausurouse definitivamente no ano 390, co fin dos cultos paganos decretado por Teodosio para todo o imperio romano.

Tras a morte de Teodosio en 395, o imperio dividiuse definitivamente entre Oriente e Occidente. Grecia quedaría incluida no Imperio romano de Oriente, coñecido tamén como Imperio Bizantino, que perviviu durante máis de 1000 anos con capital en Constantinopla.

Durante a nosa viaxe tivemos a oportunidade de coñecer varios lugares destacados deste periodo da historia grega, a miúdo eclipsado polo esplendor da época clásica. Cerca de Delfos visitamos o mosteiro bizantino de Osios Loukás, con vida monástica ininterrompida desde a súa fundación no século X. A súa arquitectura e ornamentación con mármore, pinturas e mosaicos dourados valéronlle o recoñecemento como Patrimonio da Humanidade.

Desde Delfos continuamos camiño cara o norte, facendo unha breve parada no escenario dunha das máis coñecidas batallas da historia antiga: a que enfrentou en 480 a. C. a unha coalición de cidades gregas contra os persas de Xerxes no paso das Termópilas. O exército grego estaba formado por uns 7000 soldados, frente aos 250000 invasores persas. A estratexia grega consistía en compensar a súa inferioridade numérica bloqueando o avance persa no estreito paso situado entre a montaña e o mar. Así conseguiron resistir ata que os persas descubriron un sendeiro polas montañas que lles permitiu rodear ao exército defensor. Sabendo que todo estaba perdido, Leónidas, o rei de Esparta que estaba ao mando da coalición grega, ordenou a retirada da maioría dos soldados aliados. El decidiu permanecer, xunto con 300 espartanos e 700 tespios, para protexer a retirada do resto da tropa. Morreron todos eles, e o exército persa penetrou en Grecia.

Estatua de Leónidas nas Termópilas

Hoxe en día o paso das Termópilas ten varios quilómetros de ancho debido a sedimentación mariña, en lugar dos escasos 100 metros que tiña no século V a. C., o que impide comprender ben como se desenvolveu a batalla. Tan só uns poucos monumentos levantados nos últimos anos conmemoran os feitos aquí acontecidos.

Tamén pode gustarche...

1 comentario

  1. […] os únicos xogos panhelénicos da antiga Grecia, senón que se alternaban cos Xogos Píticos en Delfos, os Xogos Nemeos e os Xogos Ístmicos de forma que cada ano contase como mínimo cun deles. Estes […]

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *