25 E 26 DE DECEMBRO DE 2024
Hai millóns de anos, no norte de Grecia, había un mar interior onde se acumulaban os sedimentos arrastrados polos ríos que desembocaban nel. Estes depósitos de lama, area e coios compactáronse ata formar rochas areniscas e conglomerados. Máis tarde, os movementos tectónicos provocados polo choque das placas africana e euroasiática provocaron a elevación do terreo nunha meseta con numerosas fracturas verticais. A erosión provocada pola chuvia, o xeo e o vento desgastou máis rapidamente as zonas brandas, provocando que as rochas duras sobresaísen coma torres illadas na contorna.
Estas formacións rochosas verticais alcanzan alturas que superan os 300 metros desde a súa base e conforman unha paisaxe impresionante. A palabra Meteora, que significa “suspendido no aire”, describe ben a xeoloxía desta rexión.



No século IX, varios eremitas comezaron a instalarse en covas situadas nas paredes dos pináculos de Meteora. Vivían en soidade de forma austera, xuntándose só os domingos para rezar.

A partir do século XIV, o imperio bizantino, ao cal pertencía Grecia, comezou a sufrir perdas territoriais a mans dos turcos otomanos. Algunhas comunidades monásticas situadas máis ao norte tiveron que fuxir e buscar unha nova ubicación onde estar a salvo dos avances turcos. Meteora, coas súas torres inexpugnables, semellaba o lugar ideal para instalarse.
Así, en 1344 fundouse o primeiro dos mosteiros no cumio dun penedo, accesible tan só escalando ou a través dunha longa escada lanzada desde o alto. Entre os séculos XIV e XVII establecéronse no lugar 24 mosteiros ortodoxos, moi preto uns doutros pero cada un na súa rocha. Os monxes instalaron sistemas de poleas para izar cunha corda obxectos e mesmo persoas, xa que ata a década de 1920 non se tallaron na rocha os escalóns que fixeron moito máis seguro o acceso.






Na actualidade continúan en uso 6 mosteiros, que se poden visitar tras pagar a entrada e subir arredor de 150 escalóns. Todos teñen un khatolikón, que é como se coñece a igrexa principal nos mosteiros ortodoxos, cos seus teitos e paredes completamente cubertos con frescos que mostran todo tipo de arrepiantes torturas. É unha pena que non se poidan sacar fotos no interior das igrexas.




Algo que nos chamou a atención, tanto en Grecia coma noutros países ortodoxos que visitamos, foi a diversidade que se observa na xente relixiosa. Persoas de calquera idade, calquera aparencia ou forma de vestir fan cola para darlle un bico a un icono ou para escribirlle unha notiña á Virxe. A relixión parece ser parte importante da vida de moitas persoas.
Desde Meteora dirixímonos cara a península do Peloponeso, onde pasaríamos os seguintes días. De camiño fixemos unha parada nas salinas que hai na costa de Mesolongi, onde vimos flamencos e outras aves acuáticas.

Tamén paramos en Nafpaktos, cidade de importancia militar e comercial desde a antigüedade debido a súa ubicación estratéxica no golfo de Corinto. Moitas potencias se disputaron o seu control durante a Idade Media e cambiou de mans varias veces, pero o seu aspecto actual débese principalmente aos venecianos, que a dominaron durante case todo o século XV. Despois estivo baixo poder otomano ata a independencia de Grecia no século XIX.



Foron precisamente os venecianos os que lle deron o nome de Lepanto, co que pasou á historia pola batalla naval de 1571. Unha coalición cristiá, liderada por España, Venecia e o Papado, derrotou á flota turca nunha batalla na que participou Miguel de Cervantes.
