28 E 29 DE DECEMBRO DE 2024

Adentrámonos no corazón do Peloponeso conducindo a través dunha paisaxe dominada por montañas nevadas e extensos campos de oliveiras .

Aos pés do monte Taygeto atopábase a antiga cidade de Esparta, famosa pola súa rigorosa disciplina militar e pola austeridade coa que vivían os seus habitantes. Non contaba con grandes construcións nin con obras de arte que puideran soportar o paso dos séculos e por iso hoxe non quedan dela máis que algunhas pedras esparexidas.

Monte Taygeto visto desde Esparta

A poucos quilómetros de Esparta visitamos as ruinas de Mystrás, unha cidade fortificada medieval que foi un importante centro de poder durante o período bizantino como capital do Despotado de Morea. Os déspotas eran membros da familia imperial de Constantinopla e o título non tiña nun principio connotacións negativas.

Mosteiro de Pantanassa en Mystrás

Mystrás foi tamén un activo núcleo cultural ao que acudiron artistas e académicos humanistas procedentes doutros lugares do imperio e da veciña Italia. Os mosteiros contaban con prestixiosas bibliotecas e as igrexas estaban decoradas con frescos pintados polos mellores artistas da época.

Os otománs ocuparon Mystrás tras a caída do imperio bizantino e ata a independencia grega, momento no que a cidade foi abandonada.

Igrexa de Agios Demetrios
Igrexa de Pantanassa

Deixando atrás as vilas do interior e continuando cara o sur, chegamos á abrupta costa do Peloponeso.

Monemvasía foi construída no século VI nun pequeno promontorio rochoso unido ao continente por unha estreita lingua de terra. Esta localización permitía unha fácil defensa nun momento de inestabilidade provocada por invasións de pobos eslavos procedentes do norte de Europa. Os bizantinos fortificárona e convertérona nun importante centro de comercio marítimo.

Pouco despois da toma de Constantinopla polos turcos otománs en 1453, o déspota de Morea intuíu a inminente caída do resto de territorios bizantinos en mans do Sultán e vendeu Monemvasía ao Papa Pío II. Nos séculos seguintes alternáronse períodos de dominación veneciana e turca na cidade e foron frecuentes as disputas entre ambas potencias.

Monemvasía mantívose practicamente inalterada desde a Idade Media. Os coches non poden circular por ela pois as rúas son demasiado estreitas e empinadas. As murallas suben polo promontorio ata o castelo, e gardan no seu interior un precioso conxunto de igrexas bizantinas, mesquitas otomás e prazas á beira do mar.

Máis ao norte, Nauplia ten tamén un pasado bizantino e unha historia de constantes loitas entre venecianos e otománs por facerse co seu control, como testifican as tres fortificacións construídas para defendela.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *