27 DE DECEMBRO DE 2024
O santuario de Olimpia, ao igual que o de Delfos, era un lugar de culto panhelénico ao que acudían peregrinos de todo o mundo grego. Estaba dedicado principalmente a Zeus e na súa honra celebrábanse cada catro anos unhas competicións deportivas que acabarían por converterse nas máis famosas da historia.
Nos Xogos Olímpicos competían representantes de todas as polis, incluíndo as colonias de Asia Menor, Sicilia e sur de Italia. Durante a celebración dos xogos se decretaba unha tregua sagrada para garantir que atletas e visitantes puidesen viaxar seguros desde as súas cidades de orixe ata Olimpia. O premio era unha coroa de ramas de oliveira e, sobre todo, a gloria e a fama, xa que as vitorias dos atletas eran celebradas con orgullo polos seus concidadáns e recordadas con estatuas e poemas.


Os de Olimpia non foron os únicos xogos panhelénicos da antiga Grecia, senón que se alternaban cos Xogos Píticos en Delfos, os Xogos Nemeos e os Xogos Ístmicos de forma que cada ano contase como mínimo cun deles. Estes festivais relixiosos, deportivos e culturais contribuíron a crear un sentimento de identidade no mundo grego. Máis alá de pertencer a unha polis determinada, todos podían definirse como helenos ao compartir a lingua, os mitos e a relixión.

Os primeiros Xogos Olímpicos celebráronse arredor do 776 a. C. e, por ser os máis antigos, considerábanse os máis prestixiosos de todos os xogos panhelénicos. Había máis de 20 competicións deportivas diferentes, con varias modalidades de carreiras e loitas, e os atletas competían espidos. Ademais, facíanse sacrificios e rituais en honor aos deuses, e os artistas, poetas e oradores acudían a mostrar as súas habilidades.
No extenso recinto do santuario había templos, estatuas e altares dedicados a diferentes deuses. O templo de Zeus era o edificio principal de todo o complexo e no seu interior había unha xigantesca estatua do deus feita por Fidias en ouro e marfil que se considerou unha das sete marabillas do mundo antigo.


Había tamén baños e aloxamentos para visitantes e espazos para que os atletas adestrasen, como o ximnasio e a palestra. As competicións tiñan lugar no hipódromo e no estadio.



O emperador bizantino Teodosio, empeñado en erradicar os cultos pagáns, prohibiu os xogos no ano 393 d. C. No século VI, dous terremotos derribaron as construcións que quedaban e as ruínas caeron no esquecemento ata o século XIX en que comezaron as escavacións arqueolóxicas.

Os Xogos Olímpicos modernos iniciáronse en 1894, inspirados nos antigos. A antorcha olímpica préndese no altar do templo de Hera, o máis antigo de Olimpia, e despois se transporta por relevos ata a sede dos xogos.

Aínda que o tempo e os terremotos deixaron pouco en pé, pasear polas ruínas de Olimpia resulta moi evocador. A contorna é moi arborada, tranquila e ben coidada, algo que atopamos en todos os xacementos de Grecia. Tamén nos gustou que cada xacemento teña un pequeno museo cos obxectos atopados nas escavacións, o que permite poñelos en contexto e enriquecer moito a visita. É admirable o empeño posto polos gregos para que o seu patrimonio cultural sexa disfrutado, comprendido e valorado.

