1, 6 E 7 DE XANEIRO DE 2025
É bastante común escoitar que Atenas non ten moito atractivo máis alá da Acrópolis. Nós dedicamos por enteiro o noso primeiro día en Grecia a visitar este lugar emblemático e despois marchamos a percorrer o país en coche de aluguer.
Pero Atenas xogou un papel tan relevante para a cultura occidental que non podiamos deixar sen explorar cada un dos recunchos da súa historia. Paseamos polos seus barrios na mañá do Aninovo antes de coller un voo con destino Creta. Logo de pasar uns días na illa, aínda regresamos á capital para apurar as últimas xornadas antes de volver a casa.
Anafiótika é un pequeno barrio de casiñas brancas e rúas coa anchura xusta para que pase unha persoa. Este urbanismo débese a que no lugar se instalou unha comunidade de traballadores procedentes das illas Cícladas, que quixeron construír o seu novo fogar segundo a arquitectura da súa terra natal.



Aos pés da Acrópolis esténdense os barrios de Plaka e Monastiraki, salpicados de ruínas e monumentos das distintas etapas históricas que atravesou a cidade. A antiga ágora dos gregos, o foro dos romanos, igrexas bizantinas e mesquitas otomás resisten o paso do tempo a poucos pasos de distancia unhas doutras.




A ágora antiga foi un espazo fundamental na vida pública ateniense durante a época clásica. Nesta ampla explanada leváronse a cabo asembleas cidadás, actividades mercantís, celebracións relixiosas e debates filosóficos. Foi o escenario por onde transitaron as figuras máis importantes da historia de Atenas, como Pericles, o gran estadista que impulsou a democracia e promoveu a construción do Partenón; ou Sócrates, Platón e Aristóteles, que tanta influencia tiveron no pensamento occidental.


Tras 17 días no país coñecendo xacementos e aprendendo tantos detalles sobre as distintas etapas da cultura grega, o mellor peche posible para a nosa viaxe foi a visita ao Museo Arqueolóxico Nacional, no que se expón a maior colección de arte e arqueoloxía da Antiga Grecia.
Hai un sala enteira dedicada a cultura micénica, que asombra polo elaborado da súa artesanía nunha cultura de hai máis de 3000 anos. Os enxovais funerarios atopados por Schliemann nas tumbas de Micenas amosan o luxo co que vivían as elites da época.


Ademais de estatuas, cerámicas, armas e xoias o museo conta tamén con rarezas como o mecanismo de Anticítera, un complexo dispositivo de engrenaxes que se usaba para calcular posicións astronómicas e eclipses.



O Partenón é, sen dúbida, a xoia de Atenas, a obra mestra que atrae todas as miradas e eclipsa calquera outro monumento. Con todo, a cidade garda un legado milenario e cada ruína, por modesta que pareza, conta unha historia fascinante. A riqueza cultural e histórica de Atenas non se limita a un só lugar, senón que vai moito máis alá da Acrópolis, e ben paga a pena descubrila.
[…] O arqueólogo aficionado Schliemann, despois de descubrir Troia seguindo as descricións da Ilíada, escavou en Micenas na procura do mítico heroe. Atopou unha necrópole delimitada por un círculo de lousas verticais que contiña seis tumbas de fosa sinaladas con estelas decoradas. Nelas había 19 persoas enterradas con ricos enxovais funerarios compostos por armas, xoias e obxectos de luxo. Algúns corpos levaban máscaras funerarias de ouro e Schliemann creu ver nunha delas o rostro de Agamenón. Sen embargo, estudios posteriores dataron as máscaras en torno o 1500 a. C., uns 300 anos antes da guerra de Troia. A maioría dos obxectos atopados poden verse no Museo Arqueolóxico Nacional de Atenas. […]