2, 3, 4 E 5 DE XANEIRO DE 2025
Das máis de 200 illas gregas habitadas, escollemos visitar Creta atraídos pola magnífica civilización minoica que floreceu alí entre os anos 3000 e 1500 a. C.
Foi unha das primeiras grandes civilizacións de Europa e prosperou grazas a súa localización estratéxica no mar Mediterráneo, que lles permitiu dominar o comercio marítimo con Exipto e o Próximo Oriente.
A sociedade minoica organizábase en torno a palacios que exercían como centros administrativos, económicos e relixiosos. Eran complexos arquitectónicos enormes con grandes patios arredor dos que se distribuían edificios de varias plantas dedicados a vivenda, pero tamén a almacéns, talleres artesanais e espazos de culto.

Os palacios non estaban fortificados, polo que se supón que non temían a inimigos externos grazas á súa potencia naval, e tampouco había revoltas internas debido á prosperidade económica da que gozaban.
Cada palacio controlaba unha rexión e redistribuía os produtos producidos nela. Os excedentes agrícolas almacenábanse en grandes recipientes de barro. Para levar a contabilidade, os minoicos idearon dous sistemas de escritura, primeiro o xeroglífico cretense e despois o máis evolucionado Lineal A. Ningún destes sistemas foi aínda descifrado xa que se descoñece a lingua falada polos antigos habitantes de Creta. Máis tarde, os micénicos da Grecia continental baseáronse no Lineal A cretense para crear o Lineal B no que escribiron a súa lingua grega.

Ademais de expertos navegantes e comerciantes, os minoicos foron tamén hábiles artesáns que fabricaron preciosas pezas de cerámica con infinidade de formas e decoracións, adornaron as paredes dos edificios con frescos pintados de vivas cores e traballaron a pedra e os metais preciosos.


O touro é un dos símbolos máis importantes da civilización minoica e aparece representado en numerosas obras artísticas. Este feito, xunto coa estrutura labiríntica que tiñan os complexos palaciegos, posiblemente inspirara o mito grego do labirinto do Minotauro.


Cara o ano 1450 a. C os palacios minoicos foron destruídos e invasores micénicos comezaron a establecerse en Creta, dominando a illa e adoptando moitos elementos da cultura minoica. Así, aínda que os minoicos desapareceron como civilización independente, o seu legado continuou a través dos micénicos e, posteriormente, na cultura grega clásica.
O palacio de Cnossos é o xacemento arqueolóxico máis coñecido e visitado de Creta. A súa escavación por Sir Arthur Evans a principios do século XX axudou moitísimo ao coñecemento da civilización minoica, pero tamén xerou moita controversia. Evans utilizou formigón para reconstruír algunhas das estruturas do palacio e repintou paredes e columnas sen criterio científico. Foi este arqueólogo quen acuñou o termo minoico en referencia ao rei Minos de Creta, pois cría que o palacio de Cnossos pertencera a este mítico rei.




Non desfrutamos da visita ao palacio de Cnossos pois as agresivas reconstrucións de Evans impiden apreciar os verdadeiros restos antigos. Gustounos moito máis o palacio de Festo, sen reconstruír, xa que ofrece unha visión máis auténtica da arquitectura minoica orixinal. Cun pequeno esforzo, e coa axuda dos paneis informativos, é posible imaxinar como era o palacio a partir dos numerosos restos que se conservaron.




Nos catro días que pasamos en Creta tivemos tempo de coñecer outros lugares de interese, máis alá dos palacios minoicos. A illa ofrece unha diversidade de paisaxes espectacular: as cadeas montañosas superan con creces os 2000 metros e están cortadas por profundas gargantas que chegan ata o mar. Na praia de Preveli, na costa sur, crece un extenso palmeiral da especie autóctona Phoenix theophrasti.




Despois da desaparición da civilización minoica, a historia de Creta discorreu en paralelo á do resto de Grecia. Durante os períodos arcaico e clásico, a sociedade organizouse en cidades-estado gobernadas por aristocracias que se mantiveron en gran medida á marxe dos eventos principais do mundo grego.
Na cidade de Gortina atopouse o conxunto de leis gregas máis extenso que se coñece, gravado en pedra no século V a. C. Regula aspectos da vida civil, como o matrimonio, o divorcio, as herdanzas, os escravos, etc.



No ano 67 a. C., os romanos conquistaron Creta e convertérona nunha provincia romana. Quedou en mans do Imperio Romano de Oriente, ou Imperio Bizantino, tras a división do Imperio Romano en dúas metades no ano 395. Durante o período bizantino a illa se cristianizou e se levantaron moitas igrexas.
Despois da Cuarta Cruzada de 1204, na que os cruzados atacaron e conquistaron territorios bizantinos pese a ser tamén cristiáns, Creta quedou en mans da República de Venecia. Os venecianos gobernaron a illa durante máis de catro séculos e construíron portos e cidades.

En 1669 os otománs conquistaron Creta e moitas igrexas foron convertidas en mesquitas. Houbo múltiples revoltas da poboación local, pero non lograron liberarse do dominio turco ata 1898. En 1913, Creta uniuse oficialmente a Grecia.

As cidades de Chania e Rethymno son unha boa mostra da historia de Creta durante os últimos séculos. Durante o período veneciano, ambas floreceron como centros comerciais e culturais arredor dos seus históricos portos e se edificaron fortalezas, igrexas e palacios de estilo renacentista. Pero a influencia turca faise tamén evidente nos minaretes de antigas mesquitas e nas vivendas con pisos superiores de madeira características da arquitectura otomá.



