18 DE ABRIL DE 2025

A rexión de Silesia, no suroeste polaco, cambiou de mans varias veces desde a Idade Media, pois debido ao seu carácter fronteirizo a rexión foi disputada e habitada por polacos, checos e alemáns.

No século XVII, Silesia formaba parte do Sacro Imperio Romano Xermánico, en mans dos católicos Habsburgo. Pero na rexión había moitos protestantes, e tras a Guerra dos Trinta Anos que enfrentou a católicos e protestantes, os Habsburgo víronse obrigados a facer algunhas concesións. Permitiron a construción de tres igrexas luteranas coa condición de que non se pareceran as católicas, e para iso, debían usar só materiais perecedeiros como madeira, arxila e palla sen utilizar cravos de metal. Estas igrexas coñecéronse como Igrexas da Paz, pola Paz de Westfalia que puxo fin ao conflito.

Igrexa da Paz de Świdnica
Cravos de madeira na igrexa de Świdnica
Igrexa da Paz de Jawor

As dúas que quedan en pé, nas localidades de Jawor e Świdnica, foron declaradas Patrimonio da Humanidade. O interior de madeira pintada parece un gran teatro barroco cos seus palcos e pinturas.

Desde o século XVIII, Silesia quedou baixo dominio prusiano- alemán, e se promoveron políticas de xermanización e represión da lingua e cultura polacas.

O carácter alemán da rexión durante a guerra fixo que os nazis a considerasen un lugar seguro dentro do seu territorio. Entre 1943 e 1945 construíron aquí un xigantesco complexo de instalacións subterráneas secretas coñecido como Proxecto Der Riese, con enormes salas baixo terra conectadas por quilómetros de túneles dotados de auga, electricidade e liñas telefónicas. Polos túneles podían circular tanques e coches, e incluso había un ferrocarril. Para os traballos de escavación utilizaron man de obra escrava procedente dos campos de concentración.

A finalidade do proxecto non se coñece con certeza, pero a principal teoría é que estivese destinado a albergar fábricas secretas de armamento para protexer a produción de foguetes e reactores nucleares dos bombardeos aliados. Tamén se especula con que fose a convertirse no novo cuartel xeral de Hitler. O certo é que o proxecto nunca se concluíu e foi abandonado polos alemáns na súa fuxida cando o Exército Roxo tomou a zona.

Rematamos a viaxe a Polonia na capital de Silesia, Wroclaw, unha das cidades alemás que máis apoiaron a Hitler nas eleccións de 1933. Non sufriu danos durante a guerra xa que quedaba lonxe das frontes, pero ao final foi arrasada nos combates cos soviéticos que acabaron por tomar a cidade despois dun asedio de tres meses. O casco antigo tivo que ser reconstruído como ocorreu en moitas outras cidades.

Praza do Mercado
Praza do Mercado
Casa do Concello

En 1945, ao finalizar a II Guerra Mundial, a rexión de Silesia pasou a pertencer a Polonia en virtude dos acordos da Conferencia de Postdam. Os habitantes alemáns foron expulsados e substituídos por polacos.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *