16 E 17 DE ABRIL DE 2025

Cracovia foi durante a Idade Media o centro da vida económica, política e cultural de Polonia. Xa no século X era un importante asentamento comercial e no ano 1038 converteuse na capital do país. Os monarcas polacos fixeron construír un palacio real, unha catedral e varias igrexas románicas, pero todo quedou arrasado tras as invasións mongolas do século XIII.

Gárgolas da catedral

Pronto comezou a reconstrución e a cidade recuperou a súa prosperidade grazas ao comercio e o favor real. Os mercadores exercían a súa actividade nunha enorme praza dominada pola basílica gótica de Santa María. O seu interior é precioso, cunha bóveda estrelada iluminada por vidreiras do século XIV e un retablo de madeira policromada considerado unha obra mestra da arte gótica.

Praza do Mercado
Basílica de Santa María
Detalle do retablo gótico
Interior da Lonxa dos Panos

No ano 1364 o rei Casimiro III fundou a Universidade de Cracovia, que se convertería nunha das máis destacadas de Europa durante o Renacemento. Nela estudiou o astrónomo polaco Nicolás Copérnico, quen revolucionou a ciencia ao publicar o seu modelo heliocéntrico do sistema solar. A pesar de que en 1596 a capital do país se trasladou a Varsovia, a ciencia e as artes continuaron florecendo en Cracovia e a cidade conservou o seu prestixio.

Cracovia tivo a fortuna de ser unha das poucas cidades polacas que non foron destruídas durante a II Guerra Mundial, polo que os edificios medievais e renacentistas do seu casco histórico son orixinais e non reconstrucións do século XX.

Castelo real
Barbacana do século XVI

Aínda así, a cidade non se librou do horror nazi. Ao igual que Varsovia, sufriu a ocupación, o confinamento dos habitantes xudeus nun gueto e o seu posterior exterminio. As elites intelectuais asociadas á universidade foron perseguidas e enviadas a campos de concentración. Os nazis pretendían converter Cracovia nunha cidade alemá, e moitas vivendas e negocios foron requisados aos seus lexítimos propietarios polacos para ser entregadas a cidadáns chegados de Alemania.

Muro do gueto

A historia de Oskar Schindler, o empresario alemán que empregou a centos de xudeus para salvalos do exterminio, é ben coñecida grazas á película de Spielberg. Visitamos a súa fábrica, convertida nun museo onde se conta a vida en Cracovia durante a ocupación e o réxime de terror que instauraron os nazis.

Despacho de Schindler
Reproducións de carteis con listas de cidadáns polacos condeados a morte

Tamén coñecemos a historia do farmacéutico Tadeusz Pankiewicz, que mantivo aberta a súa farmacia no gueto e actuou de enlace entre os xudeus encerrados nel e o mundo exterior.

Farmacia de Tadeusz Pankiewicz

Tras a guerra, o réxime comunista construíu nas aforas de Cracovia unha enorme fábrica siderúrxica que atraería á rexión a miles de traballadores procedentes doutras zonas de Polonia. Para albergalos coas súas familias, levantouse o barrio de Nowa Huta coa intención de que fora a cidade socialista ideal. Planificouse segundo o modelo de desenvolvemento urbano soviético, con grandes avenidas e bloques de vivendas rodeados de zonas verdes.

Durante a Guerra Fría, as autoridades temían un ataque do bloque occidental sobre a industria estratéxica de Nowa Huta. Como medida preventiva, construíron unha rede de búnkeres e refuxios antinucleares debaixo de escolas, teatros e bloques de vivendas. Alguns deles están agora abertos ao público.

Búnker da Guerra Fría

Nowa Huta non resultou ser a cidade modélica que pretendían as autoridades soviéticas. Nos anos 70 e 80, os traballadores do aceiro fixeron folgas como en todas as demais industrias do país, o que acabou conducindo á caída do réxime comunista en 1989.

Tamén pode gustarche...

Deixa unha resposta

O teu enderezo electrónico non se publicará Os campos obrigatorios están marcados con *